Daniel Chapela faise co Premio Díaz Jácome de Poesía do Concello de Mondoñedo

O premio Leiras Pulpeiro foi para Quico Valeiras

O Concello de Mondoñedo daba a coñecer este sábado 14 de decembro o fallo dos dous galardóns de poesía que convoca. Daniel Chapela impúxose como gañador na XXV xeira do Premio para novos creadores Díaz Jácome coa obra Traxedia en tres actos. Pola súa banda, Quico Valeiras foi vencedor na XIII edición do Premio Díaz Jácome con Fóra do propio. Os autores recibirán cadanseus 1.500 euros en metálico.

O xurado, composto polo crítico literario e coordinador de actividades e publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, Armando Requeixo, e os profesores Aurita Ramil e Chema Felpeto, destacou a calidade das obras presentadas aos dous certames. Do traballo galardoado co Díaz Jácome salientou a "súa lograda orquestración, que estrutura en tres espazos líricos este mecano onde se propón un percorrido pendular que nos leva do telúrico da raíz e da memoria dos eidos rurais á tolemia da urbe acelerada, de vidas anónimas esmagadas e incomunicadas, para rematar cun poema síntese no que ambos mundos se dan a man e rematan por se complementar".

Encol da obra vencedora do Leiras Pulpeiro o fallo apuntou "a poderosa dicción dun conxunto orquestral, reverberante e polifónico, onde o repregamento do sentido e os estratos do poema se volven fractais, véndose o verso habitado de intertextualidades da mitoloxía e a traxedia gregas, das mellores poéticas europeas, dos ecos das estéticas literarias galegas da arestora e do transfundir filosófico dos grandes pensadores planetarios das últimas décadas".

Canda a estes premios, no Díaz Jácome recoñeceuse cun segundo posto o poemario Diseccionar a tinta de Paula Currás, e co terceiro a obra Homónima de Saray Rodríguez. Ao tempo, o segundo premio do Leiras Pulpeiro foi para Yolanda López por Cuadrilátero e o terceiro levouno Xoán Francisco Pérez Argibay co seu traballo Os ollos da Demencia.

Segundo adiantou o Concello, os premios Díaz Jácome serán entregados o sábado 21 de decembro, ás 12 horas no salón de plenos da Casa do Concello, e os Leiras Pulpeiro, o sábado 28 de decembro, tamén ás 12 horas, no salón nobre do Consistorio.