A RAG presenta un buscador de nomes de aves

A ferramenta propón denominacións unificadas para máis de 600 especies

A ferramenta propón denominacións unificadas para máis de 600 especies
Bubela. Fotografía de Armando Losada Vicente. Fonte: RAG
Coñecer o nome galego de máis de seiscentas aves e facer procuras pola súa denominación galega, latina ou por familias, a incluír fotografías de moitos exemplares. Estas son as posibilidades que achega o web Nomes galegos das aves de Galicia e de España que presentaba este 5 de decembro a Real Academia Galega. O proxecto complétase ademais cun arquivo pdf que detalla os criterios metodolóxicos empregados, a bibliografía consultada e a listaxe completa de especies.

A proposta, que se elaborou a partir dun equipo interdisciplinario composto por lingüistas e especialistas do mundo da bioloxía e da ornitoloxía, propón "un único termo estandarizado para cada ave, na liña dos traballos feitos noutros idiomas e vocabularios especializados, e atendendo a demanda do mundo da ornitoloxía", explica a RAG. Na presentación do proxecto, Manuel González, coordinador deste grupo, apuntou que "para a Coturnix coturnix, amais do nome máis estendido paspallás, coñecemos arredor doutras 50 denominacións", o que amosa a complexidade desta estandarización. Ao tempo, a RAG lembra que resulta frecuente "que un mesmo nome designe aves diferentes segundo as zonas do país".

Segundo lembra a entidade, para a listaxe unificada "consideráronse todas as denominacións patrimoniais das aves presentes na bibliografía lexicográfica galega e mais as recollidas por diversas persoas especialistas en ornitoloxía e filoloxía nas diferentes áreas do territorio de fala galega, incluído o coñecido como galego exterior de Asturias, León e Zamora".

O proxecto, que comezou o seu traballo en 2019, contou con Fernando Álvarez-Balbuena (Universidade de Oviedo), Silverio Cerradelo, Serafín J. González Prieto (Sociedade Galega de Historia Natural e Misión Biolóxica de Galicia), Rafael López Loureiro (Ao noroeste do Noroeste), Xosé M. Penas Patiño, Cosme Damián Romay, Jesús Taboada Martínez (Sociedade Galega de Ornitoloxía) e mais, por parte da RAG, Marilar Aleixandre, María Dolores Sánchez Palomino, Francisco Fernández Rei, Antón Santamarina e Manuel González. A iniciativa contou co apoio económico da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.