A Fundación Legar abre o seu centro de instrumentos musicais

A aldea da Seara, no Courel, acolle este espazo de divulgación sonora

A aldea da Seara, no Courel, acolle este espazo de divulgación sonora
Inauguración do centro de interpretación da Seara. Fonte: Fundación Legar
Este 24 de novembro abría as súas portas na aldea da Seara, no Concello de Quiroga, o centro que acolle a colección de instrumentos de Xavier Blanco. Este proxecto da Fundación Legar, creada por Blanco e a súa dona, Martina Ferradás, é o resultado das catro décadas de investigación do músico, especialista nos chamados instrumentos pobres ou primixenios, que contaban con pouca elaboración e aproveitaban os materiais e ferramentas dispoñibles na sociedade tradicional.

"O obxectivo principal do Centro é a investigación, conservación, divulgación e aposta en valor do legado cultural e patrimonial de raíz, sempre dende un prisma sinxelo e compresible, adaptándose ao público que o visite", explica o web da Fundación. Malia á amplitude da colección que custodia a entidade, non todas as pezas se exhibirán ao tempo, senón que a exposición permanente complementarase con mostras temporais de diferentes temáticas. O material exposto amósase clasificado seguindo as súas características físicas, tímbricas e funcionais, e inclúe tanto pezas orixinais como reconstrucións realizadas polo propio Blanco.

O espazo contará con dúas salas expositivas e unha terceira que se empregará como auditorio e espazo multifuncional. O proxecto prevé desenvolver visitas guiadas e interactivas, apoiadas con material multimedia, nas que se amosarán as peculiaridades dos diferentes instrumentos. Tamén se desenvolverán no espazo obradoiros de restauración e clases para aprender como construír este tipo de pezas. Para alén da exposición, o centro acollerá tamén un arquivo que conta con máis de 35.000 gravacións e numerosas partituras.

Nun primeiro momento, o museo abrirá de forma regular todas as fins de semana ao público e acollerá visitas organizadas durante a semana. Para alén do investimento da Fundación, o proxecto contou co apoio do grupo de desenvolvemento local Ribeira Sacra-Courel, da axencia Turismo de Galicia e da Deputación de Lugo.