O esgrafiado galego incorpórase ao Censo do Patrimonio Cultural

Esta técnica decorativa aplícase no cal que recobre as casas tradicionais

Esta técnica decorativa aplícase no cal que recobre as casas tradicionais
Detalle dun esgrafiado en San Vitorio do Val (O Saviñao). Fotografía de Mar López Sotelo
O Diario Oficial de Galicia deste 20 de novembro dá conta da resolución pola que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural acorda inscribir no Censo do Patrimonio Cultural o esgrafiado galego como manifestación do patrimonio cultural inmaterial. A declaración define esta práctica como unha "técnica tradicional de albanelaría para a execución das decoracións sobre os morteiros de cal, dunha especial complexidade, resultante da aplicación dunha segunda camada de revocadura, en que se trazan debuxos con grafio, coitelas ou cucharín, se retira con raspado a capa superficial antes do seu endurecemento e queda ao descuberto a camada inferior, mostrando así diferente cor e textura".

En canto á distribución xeográfica destas decoracións, salienta a súa difusión por todo o país, malia a recoñecer que ten "máis presenza no sur e no leste do país, especialmente entre as provincias de Lugo e Ourense". Esta situación está vinculada ao feito de ser maioritarias as construcións en cachotaría, o que leva a un maior uso de cal para cubrir os muros das edificacións.

Para alén da función decorativa destes traballos, a Dirección Xeral do Patrimonio advirte que "estamos diante dun código de comunicación complexo, que revela valores estéticos e sociais, unha tradición e a continuidade dunha identidade e, de xeito moi evidente, sinala relacións coa paisaxe, co medio das aldeas en que se habita".

O texto da declaración advirte do perigo que corre esta práctica tradicional ante a falta de albaneis en activo que coñezan esta técnica e mais a ausencia de formación específica sobre revestimentos en cal nas escolas de oficios e de restauración radicadas no noso país.