O Museo do Videoxogo entra no sistema autonómico de museos

A colección da entidade de Cangas conta con 2.256 xogos e máis de 400 elementos de hardware e dispositivos

A colección da entidade de Cangas conta con 2.256 xogos e máis de 400 elementos de hardware e dispositivos
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, asinou o acordo de creación e cualificación para a incorporación ao Sistema galego de centros museísticos do primeiro Museo do Videoxogo (Muvi), entidade que está no concello de Cangas e que foi creada en 2020 pola Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, que está incluída no rexistro de fundacións de interese galego. Esta decisión determinouse tras unha visita técnica ao centro, o pasado 26 de setembro, na cal se verificou o cumprimento dos requisitos exixidos para formar parte desta rede. O organismo avaliado conta cun plan museolóxico en que se reflicten as áreas funcionais básicas necesarias para o funcionamento da institución. Estas áreas son: documentación e conservación; difusión e comunicación, e administración, e coordinadas entre si desenvolven as súas liñas programáticas. Deste xeito, esta entidade cumpre coas características necesarias para acadar a categoría de centro museístico.

O Consello da Xunta deu luz verde e acordou este luns a inserción desta entidade por diversas razóns, entre as que destacan o feito de ser a primeira relacionada co mundo do videoxogo de Galicia e das poucas existentes en España. Achégase ao público, desde a perspectiva da expresión artística e cultural, como unha ferramenta educativa, lúdica, interactiva e saudable. Neste senso, a colección alberga un total de 2.256 xogos, 300 deles de fondo galego, e máis de 400 elementos de hardware e dispositivos, cos cales se dá difusión á historia deste eido temático pondo en valor o desenvolvemento do sector en Galicia.

O Museo do Videoxogo pasará a integrarse no Sistema galego de centros museísticos, do cal forman parte na actualidade un total de 88 centros. Deles 68 son museos e 20 son coleccións museográficas. A integración a este organismo da Xunta permitiralle acceder a liñas de axudas públicas, asesoramento técnico e potenciación da súa divulgación no Portal de museos de Galicia, establecer relacións con outras entidades e coleccións, participar en accións formativas e ter prioridade noutras propostas colaborativas ou actividades itinerantes promovidas polo Goberno galego.