'Los destellos' de Pilar Palomero obtén a Calpurnia a Mellor Película do OUFF

Un documental sobre o retorno de Suíza da emigración galega leva o Premio Xacobeo da sección Panorama Galicia

Un documental sobre o retorno de Suíza da emigración galega leva o Premio Xacobeo da sección Panorama Galicia
Fotograma 'Los destellos'
O Ourense Film Festival (OUFF) presentou esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense o Palmarés da súa 29ª edición. Na Sección Oficial internacional a película 'Los destellos', da directora Pilar Palomero, foi a elixida para levar o gran premio do certame, a Calpurnia á Mellor Película. Na Sección Oficial Panorama Galicia foi o documental de Adrien Bordone 'Mes amis espagnols' o que levou o Premio Xacobeo á Mellor Película. No filme de Bordone, este afonda no tema da emigración dende a experiencia dos fillos de emigrantes en Suíza que, en plena adolescencia, teñen que trasladarse a Galicia. Tamén en Panorama Galicia, o Premio Ourense Film Commissión á Mellor Dirección recaeu en Emilio Fonseca, director ourensán, por 'Salvaxe, Salvaxe', un ensaio fílmico no que a cámara entra nos montes galego-portugueses procurando imaxes e ausencias do lobo ibérico. O xurado valorou de xeito especial "a hibridación de xéneros, o risco formal, o achegamento á natureza e a aportación de ofrecer ao espectador aquilo que non se pode ver". Seguindo na sección dedicada a Galicia, o 'Paisaje Épico', de Valeria Roig, levou o recoñecemento a Mellor Guión mentres que o de Mellor Interpretación foi para Aurora, a protagonista do documental da viguesa Area Erina, do mesmo nome. Unha historia na que dúas mulleres, Aurora e Area, de idades e experiencias distintas, crean unha relación íntima de conversas sobre a morte, a familia, a guerra ou o papel da muller.


Na Sección Oficial Internacional A Calpurnia a Mellor Película non foi o único recoñecemento para 'Los destellos', tamén levou unha mención especial na categoría de Mellor Interpretación polo traballo da actriz Marina Guerola. O Premio Carlos Velo á Mellor Dirección deste sección foi para as directoras Astrid Rondero e Fernanda Valadez por Sujo, unha película mexicana que narra a historia dun neno de 4 anos fillo dun sicario asasinado. O galardón a Mellor Guión foi para Mongrel, ópera prima do taiwanés Wei Liang Chiang, unha proposta de realismo social no contexto da migración ilegal, que tamén leva unha mención especial en Fotografía. Na categoría de Guión recibiu tamén unha mención especial 'La luz que imaginamos', da directora india Payal Kapadia. A Mellor Interpretación destea Sección Oficial Internacional é para Vítor Roriz, protagonista do filme portugués 'O bêbado' do cineasta André Marqué. O Premio Especial do Xurado foi para a película sueca Crossing, do director Levan Akin.
Ligazóns