O Coag celebra o Día da Arquitectura en destacados edificios das sete cidades

Na honra de vellos edificios

Con ocasión do Día Mundial da Arquitectura o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) decidiu realizar unha campaña para recobrar a memoria de edificios de interese arquitectónico nas sete grandes cidades en Galicia. Así, baixo o lema "a arquitectura como recurso" preténdese chamar a atención dos cidadáns sobre a arquitectura coma elemento configurador da cidade e concienciar as institucións da necesidade de rehabilitar e de dar emprego a edificios destacados.

Coñecer a arquitectura


O Colexio de Arquitectos de Galicia súmase ás celebracións do Día Mundial de Arquitectura seguindo o lema "A arquitectura como recurso" escolleito polo Consello Superior de Arquitectos de España e da Unión Internacional de Arquitectos. Desde as organizacións de arquitectos preténdese que este día sirva para chamar a atención da xente sobre esta arte coma "elemento achegado e cotidiano".
En Galicia o Colexio de Arquitectos decidiu escoller un edificio en cada unha das cidades galegas atendendo á relación establecida entre o arquitecto e a súa obra con cada urbe.
Sobre cada un destes edificios o Colexio reuniu abondosa documentación que divulgará coa intención de que os cidadáns coñezan a historia destas construccións e a relación que manteñen con cadansúa urbe.
Diferentes técnicos e persoeiros de cada cidade visitarán hoxe estes edificios.












Catro edificios modernos


A Coruña ve con ocasión deste día recuperada a memoria do edificio Universidade Laboral Cruceiro Baleares, construído en 1960 polos arquitectos López Zanón e Laorga Gutiérrez e que está situada con Concello de Culleredo.
En Lugo a homenaxe recae sobre un edificio que será derrubado en datas próximas ó parecer por problemas estructurais. Trátase da antiga Escola de Peritos Agrícolas, un edifico construído entre 1969 cunha distribución moi avanzada para a súa época e cun emprego novidoso da cuberta inclinada como quinta fachada.
En Ourense xa desde a semana pasada se vén destacando en dfierentes medios da ciadade a importancia arquitectónica da Torre de Ourense, edifico proxectado por Alex Reylén nos anos sesenta e que xa se constituíu coma un referente na paisaxe urbana.
O Colexio Saladino Cortizo foi o edificio que recibiu en Vigo a homenaxe dos arquitectos. O traballo de Desiderio Pernas foi escolleito pola súa especial adaptación á función educativa.












E tres non tan novos

O conxunto arquitectónico que conforma o Campus de Esteiro, en Ferrol, foi o seleccionado polo COAG nesta cidade para este Día Mundial da Arquitectura. A rehabilitación de antigos edificios e a súa adaptación para novos empregos foi a razón para realizar esta escolla.
Tamén en Compostela as celebración recaen sobre unha edificación antiga. Trátase da Casa de Máquinas, edificio realizado en 1917 para albergar a central eléctrica da cidade e que presenta unha curiosa combinación de materiais tradicionais e de deseño modernista.
En Pontevedra á homenaxe tributada ó edificio do Concello, rematado en 1879, súmase a homenaxe ós seus autores, Alejandro e Domingo Rodríguez Sesmeros, que realizaron outras moitas obras na provincia.