Unha exposición repasa a historia da música gravada en Galicia

O Museo Etnolóxico de Ribadavia acolle ata o 31 de outubro esta iniciativa

| Santiago. Redacción | Seccións: Banda DeseñadaExposicións
Compartir:
Imaxe da exposición no Etnolóxico de Ribadavia. Fonte: Festival Arteficial

Imaxe da exposición no Etnolóxico de Ribadavia. Fonte: Festival Arteficial

Co título As historias da música gravada, o Museo Etnolóxico de Ribadavia abría este 6 de setembro unha nova exposición centrada na evolución dos rexistros sonoros no noso país. A proposta, coordinada polo festival Arteficial e a Escola Sinsal, convida ao público a explorar esta historia a través de oito figuras clave mediante o uso da banda deseñada.

O proxecto abrangue un período que vai do século XVIII ao XX a través de medio cento de pezas que inclúen material sonoro, libros, revistas, reprodutores MP3, discos de vinilo de 7'' e 12', soportes fonográficos, xogos de mesa, xoguetes, máquinas de ditado portátiles, casetes, discos, postais ou selos.

Como eixe da mostra percórrese o traballo de Martínez de Presa, Severino Pérez Vázquez, Andrés Avelino Comerma i Batalla, Emilia Pardo Bazán, Enrique Labarta Pose, Maruja Boga, Pedro Ferrer e Portela Seijo. As historias destes persoeiros son interpretadas en cadriños polas creadoras e creadores Emma Roulette, Begoña García - Alén González, Marta Cartu, Santi Zubizarreta, Pepa Prieto Puy, Andrés Magán, Rapapawn (Cynthia Alfonso e Óscar Raña) e Mar Mascaró.

Propostas curiosas como o traballo de Domingo Martínez de Presa cos seus autómatas ou o primitivo sintetizador de voz que desenvolveu Severino Pérez Vázquez a finais do século XIX en Pontevedra fan parte deste proxecto.

Que che parece esta nova?
97 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Museo Etnolóxico de Ribadavia, Banda deseñada, Sinsal, Primitivo...