O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2024 o seu premio honorífico Xograr de Outono ao actor e narrador Avelino González (Vigo, 1962). Deste xeito, o encontro mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas. Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar a Avelino González. No seu fallo, o xurado destacou ao artista, ademais de pola súa "relevante e valiosa" traxectoria para as artes escénicas galegas, "porque representa as características dun auténtico xograr, pola diversidade artística do seu perfil, xa que Avelino é, ademais de actor, un pioneiro da narración oral e un dos narradores máis relevantes da nosa terra, así como un recoñecido tradutor". O xurado remarcou, tamén, que Avelino González "é unha das personalidades máis carismáticas e queridas da cultura galega, cun espírito implicado e inquedo, apaixonado do teatro galego e moi coñecido e aplaudido polo público do FIOT e de Carballo, pola súa presenza habitual nos escenarios de Carballo, tanto no Auditorio do Pazo da Cultura como no antigo Cine Rega, da man de compañías como OllomolTranvía, Teatro do Aquí e Contraproduccións; e, tamén, da Rúa dos Contos do FIOT, cos seus espectáculos propios".
Avelino González comezou a súa carreira no teatro en A Farándula (Vigo, 1980) compañía na que colaborou ata a súa desaparición. Fundador de Tranvía Teatro (1989) e de Ollomol Tranvía (1993) é un home consolidado no panorama escénico e audiovisual. Deu ó salto ó cine en 1987 con Gallego, no que ten feito filmes nos que destaca 'A ti como se che di adeus'. Na pequena pantalla é un dos rostros habituais das producións máis familiares das pasadas décadas, ten actuado en programas (Arestora, Luar...), series (Mareas Vivas, Padre Casares ou Galicia Express, entre outras) e telefilmes. Foi presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. González recollerá o seu galardón este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, collendo o relevo da comunicadora cultural e escritora Ana Romaní, premiada en 2023.