A deputación da Coruña reparte medio millón de euros en apoio a 23 festivais de concellos

O ente provincial tamén repartiu as axudas para investimentos culturais de noventa entidades sen ánimo de lucro

Noventa asociacións culturais, veciñais ou de outras naturezas pero sen ánimo de lucro da provincia da Coruña recibirán axudas da Deputación para a realización de investimentos culturais, por un valor de 297.978 euros. As entidades sen ánimo de lucro beneficiarias recibirán importes de entre 1.500 euros ata o máximo de 14.000 euros que se destina a Asociación para a defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) para investimentos no seu programa "Ciencia cidadá" 2024. Así consta na resolución definitiva publicada no BOP da Coruña polo ente provincial o pasado 25 de xuño. Ademais diso a Deputación da Coruña destinará unha partida de 535.304 euros para o programa de subvencións a concellos e entidades locais para o apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas na provincia durante o ano 2024. Neste exercicio son 23 os beneficiarios, entre eles Carballo Interplay, Cineuropa, Curtocircuíto, Á esCEEna, Rock in Cambre e Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Recibirán axudas de entre 3.000 e 65.000 euros. A relación de beneficiarios e o importe das subvencións publicáronse no BOP do 27 de xuño.