Comeza a rehabilitación da aldea de Saa mentres se adía o tren Galaico Expreso

Recuperacións patrimoniais

A aldea abandonada de Saa en Vilar de Santos, comezará co ano as obras da súa rehabilitación. Un hotel, un restaurante e varios obradoiros de artesanía pretenden ser os motores que permitan un rexurdir do lugar. E mentres unhas obras se van pór en marcha, outras sufren algúns atrasos. O tren de época Galaico Expreso, que se está a restaurar nun obradoiro en Monforte, verá retrasada a súa inauguración sen data mentres se realizan diferentes controis de seguridade e pasa a tempada electoral.

Preservar as ruinas, recuperar a aldea


Saa, en Vilar de Santos, contará desde o ano que vén cun moderno hotel e un novo restaurante, ademais de tres obradoiros de artesanía. Estes proxectos non serían noticia se Saa non fose unha aldea abandonada e en ruínas ata o de agora. Unha iniciativa do Concello prevé facer deste lugar un viveiro para novas empresas dedicadas ó turismo rural.
Na primeira fase de recuperación, que se iniciará co ano próximo, prevé a rehabilitación de catro edificios, que aloxarán unha casa de turismo rural, un restaurante que só ofertará comida baseada en productos da zona, un obradoiro de liño e dous de conservas vexetais tradicionais, algún dos cales tamén incluirá vivenda.
Nunha segunda etapa tentará dotarse á totalidade da aldea de servicios básicos que permitan a instalación de novas empresas, que deberán dedicarse á venda e confección de productos locais. No concelllo xa se están realizando obradoiros de emprego nos que se recuperan diferentes oficios tradicionais que poden ser practicados no futuro nesta aldea.
Ademais de restaurar construccións, tamén se prevé desenvolver obras de consolidación das ruínas para permitir que sexan visitadas con seguridade e amosen ós visitantes o proceso de degradación que viña sufrindo a aldea.
A xestión desta turi-aldea irá a cargo dunha empresa participada polo concello e por capital privado. Os 180 millóns que custa o proxecto virán do Plan Leader da Unión Europea e mediante axudas da Secretaría Xeral de Turismo.
Está previsto que os productos que se vendan na aldea conten cun distintivo común, xa que a aldea de Saa xa está rexistrada coma marca comercial.












O tren vai con retraso


A viaxe inaugural do tren Galaico Expreso, que estaba previsto que se realizase a finais do mes de setembro, vén de sufrir un aprazamento sine die á agarda de que se completen os controis de seguridade necesarios e a que pasen a eleccións. Segundo sinalan responsables da Fundación dos Ferrocarrís de Galicia, entidade que xestiona a restauración do tren, os controis que debe pasar o convoi en materia de seguridade non dependen deles e descoñecen as razóns exactas do reatraso. Ademais dos controis de seguridade, desde a Fundación sinalan que tamén se produciu un retraso na comprobación do funcionamento da locomotora Mikado, que foi restaurada nun Obradoiro de Emprego da Xunta.
A coincidencia coa campaña electoral foi unha razón máis que animou ós responsables do convoi a aprazar a inauguración, que estaba previsto que se realizase cunha viaxe a Compostela que continuaría pola doce principais cidades e vilas de Galicia.
Pendentes da realización dos controis de seguridade, o Galaico Expreso podería porse en marcha cara o día vintecinco deste mes cunha visita a Madrid.
Outro dos compromisos nos que podería participar o tren nos seus primeiros días sería o aparecer nun filme que se rodaría na zona de Lalín.
O Galaico Expreso constará dunha locomotora Mikado e unha Alco-1800 que arrastrarán un vagón restaurante, outra cafetería, un xerador, un coche cama e outro presidencial.