Antón Castro será o comisario da nova Bienal de Pontevedra

Contará con Antón Sobral como coordinador da iniciativa, que se celebrará entre o 15 de xuño e o 30 de setembro de 2025

Contará con Antón Sobral como coordinador da iniciativa, que se celebrará entre o 15 de xuño e o 30 de setembro de 2025
Antón Castro, Agar Ledo, Ángeles Tilve, Rafa Domínguez e Antón Sobral na presentación do equipo comisarial. Fonte: Deputación de Pontevedra
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentaba na mañá deste 19 de xuño o equipo que correrá co comisariado da vindeira Bienal de Arte de Pontevedra. O crítico de arte Antón Castro será o máximo responsable da actividade, que celebrará a súa trixésima segunda xeira entre o 15 de xuño e o 30 de setembro de 2025 co lema Volver a ser humanos... Ante a dor dos demais.

Castro, que ten comisariadas máis de 200 exposicións en todo o mundo ao longo de catro décadas de traxectoria como crítico e investigador de arte, ocupara xa o cargo de comisario deste programa durante os anos 80. Canda a el, o pintor e dinamizador cultural Antón Sobral ocupará a coordinación xeral do evento. Completan o comité organizador a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, que segundo a Deputación "aportará a súa experiencia en xestión cultural e o seu profundo coñecemento da entidade e das súas coleccións", e mais Agar Ledo, responsable do departamento de Investigación do museo, que "será a peza clave para establecer conexións entre artistas e contextos históricos e contemporáneos".

Na súa presentación como comisario, Castro adiantou que o programa do evento responderá "ao momento que se vive no circuíto artístico internacional, sobre todo ao marco de acontecementos vitais que condicionan o noso discurso existencial: guerras, cambio climático, inmigracións, transicións verde e dixital, intelixencia artificial, crises...". A iniciativa incluirá performances, intervencións, conferencias ou concertos con sedes en diferentes espazos da cidade como o Edificio Castelao, a Igrexa do convento de Santa Clara, a Fundación RAC, a Illa das Esculturas, o Pazo da Cultura e o Recinto Feiral, a Facultade de Belas Artes, as ruínas de San Domingos, o espazo Nemonon, o Café Moderno ou mesmo bares e prazas do casco histórico.

Segundo destacou Domínguez na presentación do equipo comisarial, "a Bienal será un espazo de reflexión e de encontro, onde se discutirán e explorarán diferentes temas a través da arte". Adiantou ademais que a Deputación está a contactar con diferentes institucións "nacionais e internacionais" coa intención de "enriquecer o contido da mostra e ofrecer unha programación variada e de alta calidade que a converterá no maior evento cultural celebrado en Pontevedra ata a data", asegurou.

Segundo a Plataforma de Contratación do Sector Público, Castro recibirá 35.123 euros polo seu labor. Antón Sobral, pola súa banda, asinou o seu propio contrato coa Deputación por valor de 12.314 euros. A Bienal Internacional de Arte comezara a se celebrar en Pontevedra en 1969 e mantivo a súa actividade ata o ano 2010. O actual goberno da Deputación Provincial presentou a recuperación desta actividade como a medida estrela do seu programa cultural para o mandato.