Chegan ás librarías os novos proxectos internacionais de Miguelanxo Prado e David Rubín

A saga A espada de San Eufrasio ve a luz nunha edición integral en galego

Neste mes de maio están a chegar ás librarías do estado os últimos lanzamentos internacionais de dous dos máis recoñecidos autores galegos de BD. O volume Presas fáciles. Voitres, de Miguelanxo Prado sae en galego da man de Retranca Editora ao tempo que chega ás librarías en castelán da man de Norma Editorial.

A obra continúa a saga iniciada polo autor na obra Presas fáciles, cos protagonistas a indagar desta volta no mundo da exposición dos adolescentes nas redes sociais. Rue de Sèvres correra coa edición orixinal do volume en francés.

Pola súa banda, David Rubín está en plena promoción do volume Operación Amanecer Volumen 1: Que corra la sangre, publicado en castelán pola vasca Astiberri. Na obra, o ourensán ilustra un guión dos norteamericanos Henry Zebrowski e Marcus Parks. O volume, xa publicado nos Estados Unidos por Dark Horse Cómics, propón unha aventura na que un grupo de mozos vampiros loita por recuperar a súa humanidade nun submundo de conspiracións e ameazas.

Pola súa banda, Diábolo Ediciones, co apoio do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, acaba de tirar unha pequena tirada en galego do volume integral da serie A espada de San Eufrasio. A obra, ilustrada polo barallense Miguel Fernández e con guión de Pepe Rey e Manolo López Poy, achega 244 páxinas a toda a cor a compilar os cinco volume publicados desta saga medieval. Fernández presentará este traballo no festival Banda á Feira de Vigo o vindeiro 1 de xuño.

Finalmente, desde Rinoceronte Editora chega outra tradución, aínda que neste caso non se trata dun autor galego. A profecía do armadillo, obra de presentación do italiano Zerocalcare chega á nosa lingua cunha edición que recupera a publicación conmemorativa do título que realizou a italiana BAO en 2017. O autor presenta neste volume a historia de vivencias persoais chea de humor que o catapultou á sona internacional cun novo prólogo no que fala co seu eu do pasado.