Premio de Honra da AGAPI para Rosa Moledo

Recoñecen os seus trinta anos como tradutora e asesora lingüística no audiovisual

Rosa Moledo Foto: AGAPI
Rosa Moledo Foto: AGAPI
A Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) ven de facer pública a designación da tradutora e asesora lingüística Rosa Moledo como receptora do Premio de Honra Dolores Ben na súa terceira edición. O recoñecemento, que leva o nome de quen foi presidenta da AGAPI durante doce anos, busca recoñecer a persoas ou institucións que encarnan os valores de loita e defensa do ben común que ela mesma representaba. Nese sentido desde AGAPI ven en Rosa Moledo eses valores polo seu traballo de 30 anos no audiovisual dedicándose á tradución de numerosas producións de cine e televisión e como asesora e supervisora lingüística tanto en sesión de dobraxe coma en rodaxes. A entrega do galardón terá lugar o vindeiro día 18 de xuño en Cinemar Films ás 19h, estudio cinematográfico de son fundado por Dolores Ben no ano 2006, situado no polígono de Novo Milladoiro, moi preto de Santiago de Compostela. O I Premio de Honra Dolores Ben recaeu na poetisa e xornalista cultural Ana Romaní e o II Premio de Honra foi para a xornalista Tareixa Navaza.

Segundo o comunicado da AGAPI, Moledo naceu en Gosolfre, Mazaricos, e curosu estudos na Escola Oficial de Idiomas da Coruña e na Facultade de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo. Como tradutora ten no seu haber numerosos traballos entre os que se poden citar os filmes Fisterra, Sei quen es, A lingua das bolboretas, Lena, Os luns ao sol, O misterio Galíndez, 13 Badaladas, O lapis do carpinteiro, O ano da carracha, Abrígate, Agallas, Conexións, Cela 211, Engurras, O sexo dos anxos, A árbore magnética, Somos xente honrada, Os Fenómenos, O noso último verán en Escocia e a serie Lupin. Como asesora e supervisora lingüística colaborou en numerosas sesións de dobraxe para televisión e cine, así coma na rodaxe de diversos programas de entretemento e series televisivas, como é o caso de Mareas Vivas, Fariña ou El caso Asunta. Leva tamén varios anos realizando o asesoramento lingüístico e a coordinación e corrección de textos para a súa publicación das obras producidas polo Centro Dramático Galego.