O concello de Ferrol rectifica e non excluirá o galego dos contratos municipais

A Mesa pola Normalización denunciara o incumprimento da normativa por parte do concello

[Actualización: 11/04/24 18:40] O concello de Ferrol rectificou a decisión de elaborar os contratos de licitación pública unicamente en castelán, segundo informa La Voz de Galicia. Fíxoo despois de chegar a un acordo coa Xunta para empregar os servizos lingüísticos da administración autonómica para conseguir ofrecer as dúas versións do documento. As explicacións foron ofrecidas polo tentente alcalde e concelleiro de Contratación e Organización Interna Javier Díaz Mosquera. O concelleiro explicou se trataba dunha "decisión puntual que se debe principalmente ao retraso e ao gran volume de contratación que ten o ente local", e que os servizos lingüísticos municipais non teñen a capacidade suficiente de atender á tradución de pregos complexos. O goberno garantiu que os documentos se traducirán ao galego pero non se comprometeu a facelo ao mesmo tempo que ao castelan.

[Noticia orixinal: mañá do 11/04/2024]
Desde este 11 de abril, todos os procedementos de licitación que publique o Concello de Ferrol redactaranse exclusivamente en lingua española. Así o establece a "Instrución 3/2024 de implementación de certas medidas de tramitación para a simplificación e axilidade administrativa" que o goberno municipal, en mans do PPdeG, facía pública na véspera.

O texto sinala que "a partires da entrada en vigor da presente Instrución, en todos os procedementos de licitación que se inicien e que normativamente teñan que ser obxecto de publicación, a totalidade dos documentos que conformen o expediente redactaranse exclusivamente en lingua española".

A medida enmárcase, segundo explica o propio documento na procura da "redución de carácter inmediato de determinados trámites innecesarios dende o punto de vista administrativo e pretenden garantir a debida axilidade administrativa para avanzar na senda da reorganización administrativa, tanto dende o punto de vista procedimental como material e humano". Para isto, o goberno local ampárase no artigo 7 da lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, xa que, entende "sinala que na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu sector público dependente e nas entidades locais de Galicia, promoverase o uso do galego escrito nas relacións coa cidadanía se ben engadindo que este principio de actuación haberá de exercitarse 'sin perjuicio del derecho de no discriminación por razones de la lengua'. No eido da contratación pública, os principios xerais antes citados e outros como os de publicidade e transparencia dos procedementos e de non discriminación entre os candidatos esixen, no marco normativo definido polo dereito comunitario, unha correcta difusión das actividades contractuais que, en referencia á lingua utilizada, non provoquen limitación algunha destes principios e se conxugue, alo menos neste intre coa necesidade de acadar a máxima axilidade administrativa".

A isto, a argumentación municipal engade que "o artigo 51 da Directiva 2014/24/UE do Parlamento Europeo e do Consello, de 26 de febreiro de 2014 regula a redacción e modalidades de publicación dos anuncios de licitación, sinalando no seu párrafo 4, respeto aos idiomas de publicación, o seguinte: 'Los anuncios contemplados en los artículos 48, 49 y 50 se publicarán en toda su extensión en la lengua o lenguas oficiales de las instituciones de la Unión que elija el poder adjudicador. El texto publicado en esa lengua o lenguas será el único auténtico. En las demás lenguas oficiales de las instituciones de la Unión se publicará un resumen de los puntos importantes de cada anuncio'. Respecto ás linguas oficiais da UE, cabe significar que, neste intre, o galego non é lingua oficial da UE, e que o artigo 12 da Ordenanza de Normalización lingüística do Concello de Ferrol recolle que para os documentos dirixidos directamente ós organismos centrais de ámbito estatal ou supraestatal, o Concello aterase ó previsto nas disposicións vixentes".

A Mesa pola Normalización apuntou que a decisión anunciada polo concello de Ferrol é "contraria á oficialidade do galego" e "ataca todos os acordos sobre a lingua", a sinalar o incumprimento do Estatuto, do Plan xeral de Normalización da Lingua Galega, da Lei de uso do galego como lingua oficial das entidades locais ou mesmo o plan de normalización do propio concello de Ferrol.

Segundo destacou Marcos Maceira, presidente da entidade "non é certo que nada indique que estes contratos se deban publicar en castelán". A entidade lembra que o artigo 7 da lei 5/1997 de administracións locais de Galiza "indica que o galego, como lingua propia de Galicia, éo tamén da súa Administración local. Deste xeito, as convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas, actas, notificacións, recursos, escrituras públicas, comparecencias xudiciais e tódolos actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega".

A entidade amosou o "seu rexeitamento á exclusión da lingua de Galiza" e instou formalmente "ao goberno local a rectificar inmediatamente e a demandar ao Estado que corrixa a normativa de publicación de contratos".