
Tomás Barros Pardo, de pais galegos, nace en Toledo en 1922 e desde a nenez instálase coa súa familia en Ferrol onde recibe clases do pintor Felipe Bello Piñeiro. Cursa estudos de Maxisterio e desprázase a Madrid en 1947 para estudiar Belas Artes na Escola de San Fernando. Nesta época abandona a pintura realista e entra en contacto coa corrente expresionista europea, empeza a escribir as primeiras novelas e a interesarse pola filosofía e a literatura. Obtida a licenciatura volve a Ferrol, onde traballa como profesor de debuxo e funda en 1952, con outros poetas, a revista cultural Aturuxo que ilustraría o seu curmán Isaac Díaz Pardo. Traslada a residencia a Coruña en 1959, onde compaxinará a docencia coa creación artística e intelectual. Participa nos faladoiros da época, publica artigos sobre a pintura galega e funda con Luz Pozo en 1975 a revista de poesía e crítica Nordés, na que colaborou Luís Seoane como ilustrador. Foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega en 1980 e membro de número da Academia Galega de Belas Artes en 1986, ano no que falece na Coruña.
No relativo á obra pictórica nas súas creacións mestura as vangardas analíticas (cubismo e futurismo) e as expresionistas. A afinidade de Barros coas vangardas europeas dará como resultado unha linguaxe plástica na que renuncia a representar a perspectiva tradicional e na que as cores son as que constrúen as figuras e os fondos. A conexión coa corrente expresionista prodúcese tanto no aspecto formal, co uso da cor como recurso expresivo, como nos seus contidos sociais froito da experiencia de sucesos dramáticos, como as guerras que viviu a súa xeración. O conxunto de 10 gravados realizados nos anos setenta como 'Segador', 'A lareira', 'Canteiros' ou 'Varando a barca', vincúlase coa corrente creada pola Estampa Popular Galega entre 1968 e 1970. Esta agrupación de artistas interesados polas artes gráficas e pola temática popular, tivo como impulsores a Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo e seguía a pegada reivindicativa dos artistas renovadores galegos (Castelao, Maside, Souto ou Colmeiro). A técnica da linografía permitiulle a Barros crear grandes planos monocromos en sintonía coa tendencia sintética e fortemente expresiva da súa plástica.



