As axudas á edición aumentan en contía pero reducen os prazos do seu alcance

O orzamento sube ata os 250.000 euros pero reducen en 10 meses a marxe para obras beneficiadas

A nova convocatoria publicada o pasado xoves no Diario Oficial de Galicia das subvencións para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais recollen cambios que poden modificar o seu impacto sobre o sector. No relativo á partida orzamentaria, este ano tras dúas anteriores convocatorias sen cambios, crece en 50.000 euros, chegando aos 250.000 euros, unha cifra aínda afastada dos 314.000 euros que se lle dedicaron finalmente en 2020 tras unha ampliación de crédito realizada no mes de outubro dese ano sobre a partida inicial de 200.000 euros. As bases tamén recollen outros cambios significativos, xa que as posibles publicacións beneficiarias desta liña de axudas deberán ter canda menos realizada a súa maquetación, impresión e distribución no prazo de tempo comprendido entre o 1 de novembro de 2023 e o 30 de setembro de 2024, un período de doce meses xustos que se ve moi reducido respecto á anterior convocatoria que comprendía os traballos editoriais realizados entre o un de xaneiro de 2022 e o 31 de outubro de 2023, 22 meses. A nova orde reduce tamén ata un 10 por centos as porcentaxes a cubrir por obra con estas axudas no caso de publicacións en linguas diferentes do galego.

Desde a Asociación Galega de Editoras (AGE) presentaron un escrito ante a administración protestando polos cambios, segundo recolle o xornal NÓS Diario. En declaracións a ese xornal o presidente da asociación, Henrique Alvarellos indica sobre estas axudas que "Non se axustan ás necesidades do sector e carecen da flexibilidade necesaria para converterse nun motor da actividade editorial galega". Este é un novo episodio dos continuos desencontros da AGE co actual Goberno Autonómico nos últimos anos no relativos a diferentes liñas de actuación sobre o sector. No pasado ano a convocatoria chegou a distribuír o seu orzamento de 200.000 euros entre 47 editoras do país chegando a 390 obras "nos idiomas cooficiais en Galicia ou noutros idiomas, editadas e distribuídas entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de outubro de 2023".