A USC bate marcas de uso do idioma galego

O 29,2% das horas docentes impártense na nosa lingua, coa área de Ciencias da Saúde como a máis castelanizada

| Santiago. Redacción | Seccións: Educación
Compartir:
Gráfico co uso dos datos de galego na USC en 2025. Fonte: USC

Gráfico co uso dos datos de galego na USC en 2025. Fonte: USC

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) daba a coñecer o Informe sobre uso do galego nesta institución durante o curso 2024-2025. No mesmo, a entidade verifica un incremento na presenza da nosa lingua na docencia, que chega aos datos máximos dos que hai constancia, cun 29,2% das horas impartidas en galego. O incremento, segundo informa o Servizo de Normalización Lingüística, consolida a tendencia crecente do anterior curso e racha a estabilidade do período previo.

A suba, de oito puntos porcentuais a respecto do anterior curso, supón 20.000 horas de docencia máis a empregar o noso idioma. As áreas de Ciencia Sociais e Xurídicas, cun 59,5% de horas de aulas impartidas na nosa lingua, e Arte e Humanidades (42,1%) son as máis galeguizadas da USC, mentres Ciencias da Saúde, onde só se emprega no 5,3% das horas, é a que ten unha maior presenza do castelán. Ademais, o informe advirte que a alta carga de horas docentes destes estudos, que cifra nun 40% do total, contribúe moito a baixar a media do galego nesta universidade.

Segundo os datos da entidade, no curso 2023-24 só 5 centros superaban o 50% de presenza do galego, mentres no último analizado subiron ata 10. "Esta evolución permite que neste momento case o 40% do estudantado da USC está asistindo a clases nun centro en que o galego é a lingua maioritaria da docencia", sinala a entidade. O campus de Lugo co 39,3% das clases en galego, é o que amosa un maior uso do galego, mentres no de Santiago a porcentaxe queda nun 27,4%.

Que che parece esta nova?
107 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con USC, Ciencia, Normalización Lingüística, Universidade de Santiago de Compostela...