A preferencia por ler libros en galego medra ata o 11,2%

O Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros incrementa en máis de dez puntos o interese pola nosa lingua en 2025

4/2/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: literatura
212 lecturas | Compartido 0 veces

A Federación de Gremios de Editores de España acaba de publicar na rede o informe que recolle os resultados do Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros referido a 2025. No mesmo, rexístrase un importante incremento na preferencia por ler en galego no noso país. Deste xeito, a lingua preferida para ler libros "se puidese elixir" é o galego para un 11,2% das persoas consultadas, fronte a un 84,6% que opta polo castelán, e un 4,2% que prefire outro idioma. A cifra supón un importante incremento no interese pola nosa lingua, xa que no informe referido a 2024 non se recollía ningunha porcentaxe de preferencia pola nosa lingua, e nos dous anos anteriores o quiñón do galego ficaba en pouco máis que o 3%.

Segundo o estudo, outros crecementos importantes danse nas preferencias para a lectura de revistas, que pasa dun 0.5% ao 16%, nas de prensa, que acada un 26,8% fronte ao 3% de 2024, e para a lectura na rede, que tamén sobe ao 15,4% desde o 0,5%. En anteriores anos estas cifras roldaban o 10% para revistas o 7% nos outros apartados. Á hora de explicar estas importantes oscilacións nos resultados, cabe salientar que a enquisa realizou unicamente 324 enquisas no noso país do total de 5.000 para o conxunto do estado, o que pode afecta á representatividade dos datos.

Pola contra, unicamente un 5% das persoas consultadas recoñeceu que o último libro que lera estaba en galego, situando o feito de non estar editado na nosa lingua como principal motivo para a escolla, cun 36,7%. A cifra, ademais, é menor que a do anterior informe, onde chegaba a un 6,1%. A nivel de compra, o último libro estaba en galego para unicamente o 8,1% das persoas consultadas no noso país, unha cifra que contrasta co 0,5% recollido en 2024.


De xeito xeral, sobe lixeiramente o número de persoas que no noso país afirman ler no noso idioma, aínda que sexa ocasionalmente, do 60,8 ao 61,9% das respostas. En paralelo, Galicia sitúase por baixo da media estatal no índice de persoas lectoras por ocio no seu tempo libre. A porcentaxe descende lixeiramente do 66,2 ao 65,9%, mentres no conxunto do estado esta increméntase do 65,5 ao 66,2%.

No campo dos audiolibros baixa o consumo de contidos en galego ata o 16,8% fronte ao 24,9% recollido en 2024, mentres no de podcasts relacionados con libros a cifra muda dun 3,6% a un 2,8% no conxunto do estado. O estudo desagrega por vez primeira este dato para o noso país e sitúa nun 24,1% a escoita de podcasts na nosa lingua sobre esta temática. Cabe sinalar que nestes casos as enquisas se fixeron unicamente a unhas 400 persoas a nivel estatal, polo que as oscilacións nos datos sobre Galicia poden ser importantes.

No caso da lectura para menores de ata 9 anos, é de salientar que a un 63,2% das crianzas menores de 6 anos se lles contan contos na nosa lingua, cifra que baixa ao 60,1% na franxa entre os 6 e os 9. Pola súa banda, a valoración das bibliotecas, con 8 puntos sobre 10 supón unha décima menos que no anterior exercicio e marca esa mesma distancia da media estatal.


Universo culturagalega.gal

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Lectura, Editores, Federación de Gremios de Editores, Bibliotecas...