O uso do galego na USC alcanza cun 25 por cento o seu mellor dato en dez anos

O informe de Normalización destaca enormes diferenzas por áreas de coñecemento

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela ven de presentar o informe sobre o uso do galego, do castelán e doutras linguas na actividade docente correspondente a este curso. Nel descríbese con datos, senón exactos si aproximados, a realidade lingüística que se está a vivir nas aulas da USC no momento actual. Segundo estes datos, malia que o castelán segue a ser a lingua máis utilizada na USC, o galego alcanza a súa mellor cota en 10 anos, acadando o 25% de uso. Esta cifra é a máis alta da pasada década, nun marco xeral que amosa un leve incremento do galego (do 20 ao 25 %), un descenso correlativo do castelán e unha presenza mínima do inglés e doutras linguas.

Igual ca en anos anteriores, o campus de Lugo aparece máis galeguizado ca o de Santiago (36 % fronte a 23 % de docencia en galego); pero, ao impartirse neste último máis do 80 % da docencia total da USC, os valores do campus lucense inciden pouco sobre a media xeral. Segundo a desagregación de datos por áreas de coñecemento aparecen na enquisa enormes diferenzas que van desde un uso maioritario da lingua galega nas carreiras de Ciencias Sociais e xurídicas (49,8% fronte a un 47,2% de castelán), ata un uso case anecdótico na área de Ciencias da Saúde cun 6,8 %. Nesta área da Saude é onde está concentrada máis do 40 % de toda a docencia da Universidade (o 43 %). O informe ofrece multitude de datos desagregados ao detalle, por carreira, centros e outros parámetros. Cabe destacar que no relativo aos tipos de docencia, aumenta tamén a porcentaxe de uso do galego nos Mestrados cun 37,9% de uso, fronte aos graos (24,2 %).