Maneiro deixa Heredeiros da Crus

A saída do carismático vocalista provoca incerteza sobre o futuro da decana banda

A saída do carismático vocalista provoca incerteza sobre o futuro da decana banda
HDC gravando videoclip de De Jalisia ao estranxeiro para o programa Desde Galicia para el Mundo de TVE-G. Cortesía Eds. Xerais
Concerto LP45 2012 Foto: Marcos Martínez. Cortesía Eds. Xerais
Concerto LP45 2012 Foto: Marcos Martínez. Cortesía Eds. Xerais
Non sabemos a conmoción que causaría que Mick Jagger deixase The Rolling Stones, porque tal cousa non pasou, agora o que imos saber é o que pasa cando Javi Maneiro deixa os Heredeiros da Crus neste momento doce que o grupo está a vivir na súa segunda etapa e tendo en conta que este mesmo ano publicaron un novo disco 'Trankimasín' (Dotbeat), seis anos despois do seu anterior traballo. E o primeiro que pasa é que os seus compañeiros desta xa mítica formación do rock galego quedan claramente conmocionados pola decisión. Así o veñen de explicar nun comunicado en conxunto feito público polas redes sociais no que expresan, ademais desa fonda conmoción, a incerteza sobre o futuro da propia banda, que polo de agora cancela as actuacións previstas e todas as negociacións existentes para o 2026. A pesares de todo, no comunicado tamén teñen palabras de recoñecemento para o compañeiro que decidiu abandonar o proxecto tras 33 anos (interrompidos) xuntos sinalando a enorme pegada que deixa o seu talento, enerxía e personalidade e desexándolle a mellor das sortes. Pola súa banda, Maneiro, sen facer comunicados públicos, amósase completamente centrado no seu proxecto en solitario adiantando novidades.

Non é esta a primeira vez que a banda ten que facer un parón que apunta á súa desaparición. Na súa primeira etapa, en 1992 mantivéronse xuntos e en activo, con algúns pequenos cambios na formación, ata 2004, cando anuncian a súa separación e fin do proxecto. Durante oito anos desapareceron, e cada un deles fixo os seus propios proxectos, así Javi Maneiro creou e liderou entre o 29008e 2012 a formación Jabón Blue. Coa que chegou a sacar ata tres discos. En 2012, levados polo entusiasmo dun movemento en redes sociais pedindo a volta de Heredeiros da Crus levaron acabo un concerto de reunión. Tal e como contamos nunha reportaxe sobre o 25 aniversario da banda, os resultados de público e os musicais foron tan positivos que decidiron darlle unha nova vida á banda. Algúns deles mantiveron proxectos propios, xa foran individuais ou con outras formacións, pero sen que estes fosen excluíntes da actividade de HdC. Foi o caso de Javier Maneiro, que deixando atrás Jabón Blue e deixando saír a súa expresión como compositor, comezou unha carreira en solitario coa que xustamente agora celebraba os 10 anos de lanzamento en 2015 do seu primeiro tema 'Pies descalzos', que formaría parte do disco 'Furtivos' (2017). Desde entón Maneiro leva sacados tres albumes máis ('Acaricia mis arrugas', 2018; 'Palabras de un desconocido', 2021; 'Un bonito despertar', 2023). O lanzamento do seu máis recente traballo en solitario coincidiu pouco despois de sufrir un severo accidente cerebrovascular, que levou a súa saúde a un estado grave durante semanas. Heredeiros da Crus parou a súa axenda nese momento ante a situación do seu 'frontman' e cando estivo felizmente recuperado seguiron coa súa actividade como unha das bandas de rock con mais éxito do país. Maneiro tamén retomou a súa actividade en solitario, mantendo ambas axendas...ata agora.