'Heredeiros da Crus' receitan rock con 'Trankimasín'

O novo disco da banda reafirma a súa capacidade para seguir creando sen mudar o seu son e actitude

O novo disco da banda reafirma a súa capacidade para seguir creando sen mudar o seu son e actitude
Foto: Aigi Boga
'Heredeiros da Crus' a veterana banda de rock en galego, regresa cun novo traballo longo, 'Trankimasin' (Dotbeat), que desde hoxe xa está nas plataformas dixitais. Este novo traballo de estudio, o primeiro en seis anos tras 'Derretidos' (Dotbeat, 2019), presenta unha colección de 12 temas, baixo o concepto de comprimidos receitables "en caso de deficiencia sanguínea de rock setentero", segundo comunican. O disco, coherente coa súa traxectoria e son e que non defraudará aos seus fieis e numerosos seguidores, ven cargado de irreverencia, retranca, referencias sexuais e potencia guitarreira e sonora en xeral. A presentación, un concerto sorpresa que celebrarán hoxe na coruñesa Sala Mardi Gras, anunciouse onte e esgotou entradas en tres horas. 'Trankimasin' reafirma a capacidade do grupo para seguir tras máis de trinta anos de traxectoria ofrecendo novidades sen comprometer as raíces que os converteron en iconas da música en galego.

A singularidade de 'Trankimasin' tamén reside no seu proceso de creación. A banda gravou este traballo a cabalo entre os emblemáticos estudios Strongroom de Londres, coñecidos por albergar a gravacións de artistas como Radiohead, Oasis e Arctic Monkeys, e os estudios Nakra de A Coruña. A produción correu a cargo de Iago Lorenzo, un colaborador de confianza que xa traballara co grupo en proxectos anteriores. A gravación tivo lugar durante o último trimestre de 2024, prometendo un son coidadosamente elaborado e cheo de matices . Tras o lanzamento do seu primeiro sinxelo, 'Convensido', en Noiteboa, Heredeiros da Crus avanzou tamén o tema 'De-Nunzia-nos', un claro exemplo do seu son inconfundible, que mestura humor e retranca, características definitorias da banda. A publicación do álbum abre tamén o camiño para unha xira que promete ser un dos puntos álxidos da súa historia sobre os escenarios. Entre as datas xa confirmadas, destacan citas como o Resurrection Fest en xuño, o Silfest en xullo e o Fenerock e o Revenidas en setembro.