Case seis anos separan este Derretidos (Dotbeat) do anterior
Os integrantes da banda rondan xa a cincuentena pero seguen a dar voltas nas letras dos seus temas as mesmas cousas choqueiras coas que fixeron gran parte dos seus primeiros discos de xuventude. O sexo, a violencia, a escatoloxía e algunhas situacións dos seus entornos cotiáns seguen a ser a fonte da inspiración chea da súa habitual sorna nos temas compostos por Toño Novo "Tuchiño", non é así o caso da canción de peche do disco Soñei, unha balada asinada polo vocalista Javi Maneiro que resulta máis intimista e ancorada nos sentimentos. A banda lanzaba onte o seu primeiro videosingle, Esquimales, asinado por Xaime Miranda, que marca xa unha liña de ánimo de quentar ao persoal co seu característico espírito controvertido e provocador. HDC non defraudan nese sentido con Derretidos prometendo novos himnos para os seareiros máis acérrimos, algúns deles fillos dos seus primeiros siareiros da época do Xabarín Club. Heredeiros presentará o seu novo álbum hoxe xa no Arrecife en Vivo e posteriormente adentrarase nunha intensa xira por Europa e a Península: Londres (02/10), Barcelona (09/10), Madrid (23/10), Santiago de Compostela (30/10) e Xenebra (07/12). Derretidos xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais.



