Ruxe Ruxe presentan o seu novo traballo 'O estraño falar dun monstro da aldea'

A veterana banda de rock combativo estarán este venres na Sala Capitol cos novos temas

Ruxe Ruxe presentan un novo traballo de estudio e con este xa van 12 discos nos 23 anos de traxectoria da banda compostelá. Con O estraño falar dun monstro da aldea (Autoeditado), a banda liderada por Vituco Neira ofrece 15 novos temas coherentes coa súa traxectoria de punk rock en galego e combat rock, compostos polo propio Neira. O novo traballo consegue ademais un son moi pulido e eléctrico, potente como corresponde a unha banda que nunca perdeu de vista as súas maneiras loitadoras, pero dando ademais un paso adiante grazas á calidade da gravación efectuada nos estudios Gárate (Euskadi) coa produción de Kaki Arkarazo (Negu Gorriak, Kortatu). Como xa é marca da casa, a contundencia guitarreira e da percusión vese ben acompañada con instrumentos de vento como a gaita, harmónica ou saxo en varios dos temas do novo disco. As letras, sempre apegadas no amor ao país e ás súas mensaxes de punk combativo crítico co poder reflicten tamén nalgún dos temas reflexións de perspectiva vital engadindo variedade e profundidade a un sempre potente discurso. A banda xa presentou en avance tres vídeos con primeiras cancións e este vindeiro venres, 14 de febreiro, na Sala Capitol de Santiago farán a presentación en directo ante a súa numerosa parroquia de fieis cun moi posible cheo. O disco xa está dispoñible en tendas e plataformas dixitais.

Ligazóns