Cecilia F. Santomé resulta gañadora do XLIV Premio de Novela Blanco Amor

A autora vilalbesa recibirá 15.000 euros pola súa obra Boundaries Road SW12 8HD

| Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:
Cecilia F. Santomé. Fonte: Wikipedia

Cecilia F. Santomé. Fonte: Wikipedia

A Deputación de Ourense e mais a Fundación que leva o nome do escritor daban a coñecer este 24 de novembro o fallo da cuadraxésima cuarta edición do Premio de Novela Longa Blanco Amor. A escritora de Vilalba Cecilia F. Santomé impúxose entre os 75 orixinais presentados ao certame con Boundaries Road SW12 8HD. A gañadora recibirá 15.000 euros en metálico e unha escultura de Acisclo Manzano.

A novela narra a historia de Cilla, unha tradutora galega de 30 anos emigrada en Londres que aluga unha habitación na casa dunha parella acomodada. A narración entronca esta peripecia doméstica coa historia do éxodo xudeu de Exipto.

O xurado valorou o estilo "moderno" da obra, que dialoga coa literatura actual e que desenvolve a "creación dun universo narrativo con gran pegada poética", así como as personaxes "elaboradas con moita coherencia". A "introdución da corrente de conciencia da narradora", a aposta pola temática da nova emigración a Europa, ou a voz narrativa "neurótica, culta, irónica e introspectiva" da narradora son outros valores da novela considerados no fallo. Conformaron o xurado Luís González Tosar, Heitor Mera, César Lorenzo e Inés Mosquera, con Noelia García Díaz como secretaria.

Cecilia Fernández Santomé, tradutora e lingüística, ten publicadas tres novelas en Edicións Xerais e conta no seu palmarés con galardóns como o Premio Literario Nortear ou un terceiro posto no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía. O galardón entregarase o próximo 5 de decembro nunha gala literaria no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Que che parece esta nova?
154 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Cecilia F. Santomé, Acisclo Manzano, Deputación de Ourense, Vilalba...