Ailá presenta un disco de panxoliñas tradicionais

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou na rede Ailá de Nadal

| Santiago. Redacción | Seccións: Música
Compartir:
Ailá presenta un disco de panxoliñas tradicionais

Oito panxoliñas tradicionais compoñen Ailá de Nadal. O grupo de música tradicional Ailá acaba de lanzar este volume no marco da campaña Nadal en rede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que ten o álbum íntegro na súa canle de Youtube. O volume recolle cancións de aguinaldo como Aninovo de 1860, peza recollida no cancioneiro de Marcial Valladares, ou As xaneiras recollidas en Pazos de Borbén. Cantares de Reis de Bendollo, Vilardevós e Rianxo fan tamén parte do proxecto.

No álbum poden ouvirse tamén os Maitines de Montemaior, tema que representa unha forma particular de cantos propia da comarca de Bergantiños. O romance Caminiño, caminiño e mais as Coplas de Nadal de Soutoxuste, gravadas por Alan Lomax en 1952, completan esta colección de temas.

Cada unha das pezas conta con información de contexto sobre a súa orixe e recollida ademais de incluír a letra. A edición física do álbum, pola súa banda, inclúe versións en karaoke para facilitar a súa interpretación a domicilio nestas festas.

Na súa aproximación a este patrimonio, Ailá aposta por un coro de voces masculinas e femininas ás que acompaña unha instrumentación complexa que aposta por unha percusión suave para xerar un ambiente propio destas celebracións.

A formación habitual de Ailá, Ángela Carou (voz e percusión), Manuele Pardo (voz, percusións e gaita), Abel Gañete (trompeta e fliscorno) e Xan Pampín (acordeón, bombo e pianos) corren coas interpretacións desta proposta. Canda a eles, o grupo contou con colaboracións como as voces de Antía Vazquez e máis Uxía e Andreas Cabanas canda ás interpretacións de Pedro Pascual en mandolina, guitarras ou bouzuki. O grupo xa presentara en 2021 un EP con tres panxoliñas baixo o mesmo título.

Que che parece esta nova?
125 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Nadal, Política Lingüística, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Marcial...