A investigadora Paula Barreiro gaña o Premio Pierre Daix de historia da arte

O traballo da viguesa sobre a crítica de arte durante a ditadura franquista obtén o galardón convocado pola Colección Pinault

paula Barreiro (c) Tobias Locker
paula Barreiro (c) Tobias Locker
A investigadora viguesa Paula Barreiro López (Vigo, 1977) ven de recibir en Francia o Premio Pierre Daix, da Colección Pinault, concedido a obras publicadas que aborden a historia da arte. O galardón foi para o libro da viguesa, publicado en francés, "Compagnons de lutte. Avant-garde et critique d'art en Espagne pendant le franquisme" (Éditions de la Maison des sciences de l'homme, 2023) co que explora a vida artística e cultural en España durante o segundo período da ditadura franquista (1957-1975). Desde a organización do galardón consideran que este traballo "ilumina unha nova parte da historia da arte". O libro acadou a unanimidade dos membros do xurado. Paula Barreiro é catedrática de historia da arte contemporánea na Université de Toulouse 2 Jean Jaures laboratorio FRAMESPA e investigadora principal da plataforma internacional MoDe(s).

Baseándose en arquivos inexplorados e entrevistas inéditas "Compañeiros de loita- Vangarda e crítica de arte na España durante o franquismo" achega discursos e prácticas estéticas co contexto sociopolítico, ético e cultural da España franquista. Barreiro subliña o papel da creación artística como compromiso político e o que a crítica xogou nese compromiso. Segundo explican desde a acta do xurado sobre a obra, "Paula Barreiro López revela unha parte largamente esquecida pola historiografía da arte europea, ao botar luz sobre o funcionamento da vangarda española nos últimos anos da ditadura, a súa difusión e a súa recepción crítica nos círculos culturais de esquerda durante a era da Guerra Fría". O premio ten unha dotación de 10.000 euros.