Cinco espazos galegos participan do proxecto Museos Vivos

A iniciativa permite visitas automatizadas a centros de interpretación do Courel, Mesía, Allariz e Ribas de Sil

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural presentaba onte a iniciativa Museos Vivos de Galicia. Este proxecto europeo, do que participan cinco espazos galegos, permite a visita automatizada a diferentes centros de interpretación. A proposta, que inclúe múltiples proxectos en Castela e León e un na República Checa, facilita a accesibilidade a museos en espazos rurais onde non sempre é posible contar con persoal para atender as visitas.

No noso país participan desta iniciativa nos últimos anos o Centro de interpretación das Covas das Montañas do Courel en Folgoso do Courel, que xa se incorporou en 2021, a aula da natureza Brañas de Valga en Mesía e a Basílica da Asunción de Allariz. Ribas de Sil, pola súa banda, conta con dous espazos adheridos ao proxecto, o Centro de Interpretación do Río Sil e mais Centro de Interpretación da Minería aurífera Romana, que se sumou á proposta no final de 2022.

A proposta permite que, mediante a inscrición no web da iniciativa, as persoas que queiran visitar os centros reciban un código que permite abrir a porta e acender as luces do centro escolleito. Ademais, achega vídeos de presentación de cada espazo e segue con videocámaras o desenvolvemento de cada visita. O proxecto conta no noso país coa colaboración dos Grupos de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra - Courel, Comarca de Ordes e Limia-Arnoia.