O XXVIº Viñetas xa ten programa completo

Inclúe un novo ciclo de cinema de animación, unha audioficción e un concerto ilustrado dentro das actividades paralelas

O Viñetas desde o Atlántico 2023 xa ten programa completo após dos anteriores e importantes avances e a poucos días do seu comezo o vindeiro luns, 7 de agosto. Visitas guiadas, audioficción, música, cinema, obradoiros profesionais e infantís, un encontro sectorial, unha mesa redonda, a xa tradicional Rúa da BD -que concentrará máis de 40 expositores de librarías e editoras de referencia do sector do cómic de toda España, con sinaturas de libros, charlas e outras accións abertas ao público conforman o programa completo do 26º festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña.

Da man de Viñetas 2023, Laura Pérez Vernetti e os italianos Teresa Radice e Stefano Turconi visitarán á Coruña para ofrecer unha visita guiada ás súas exposicións, mentres que a mostra "¡Mujercitas del mundo, uníos!" contará tamén cun paseo guiado polos seus comisarios. Pola súa banda, o Teatro Colón acollerá unha mesa redonda coas pioneiras do cómic underground adulto en España, ademais de programar, tamén, a novidosa audioficción da novela gráfica 'O lume', de David Rubín, elixida como o mellor cómic español de 2022. Ademais, este 2023 Viñetas desde o Atlántico quere tender pontes co sector da banda deseñada coruñesa e suma a celebración paralela do mercado de autoedición Autobán, con máis 70 propostas artísticas chegadas de toda a Península, ademais de música, obradoiros, exposicións, un combate de ilustración e outras actividades, que se celebrarán o sábado 12 de agosto na Praza de San Andrés ao longo de toda a xornada.

O cinema e a música súmanse este 2023 á órbita de Viñetas desde o Atlántico con dúas propostas que terán lugar, tamén, no Teatro Colón: por unha parte, os filmes de animación 'Lupin III: The First', 'Spider-Man: Into the Spider-Verse', 'The First Slam Dunk' e 'Akira 4K' conforman o novo ciclo de cinema Órbita Animada. Por outra parte, o público poderá gozar, tamén no Teatro Colón, dun concerto ilustrado, que fusionará en directo a música da banda coruñesa de metal y sludge Hongo coas ilustracións creadas ao vivo polos artistas de BD da Coruña Paz Rodríguez, Luis Yang e Julia Abalde.