Paula Mayor Art faise co XVIII Premio Castelao de BD

Cristian F. Caruncho obtivo o galardón na modalidade infantil e xuvenil

Cristian F. Caruncho obtivo o galardón na modalidade infantil e xuvenil
Paula Mayor Art e Cristian F. Caruncho. Fonte: Deputación da Coruña
A Área de Cultura da Deputación da Coruña daba a coñecer este 19 de xullo o fallo do XVIII Premio Castelao de Banda Deseñada. Rosalía Oculta, de Paula Mayor Art, foi a obra que se impuxo no certame, mentres Cristian F. Caruncho venceu na categoría para público infantil e xuvneil con O día de San Martiño. Os premios contan cunha dotación de 6.500 euros en cada categoría, e os traballos gañadores serán publicados pola propia Deputación.

O fallo destacou de Rosalía Oculta "a súa orixinalidade á hora de abordar un xénero como o biográfico, escapando do relato histórico para poñer o foco na parte humana da grande icona literaria galega". Canda a isto apuntou "a estética moi delicada, que casa á perfección co espirito romántico e decimonónico da obra de Rosalía de Castro".

Encol de O día de San Martiño, o xurado destacou "a escolla do rural galego como motivo da historia e do western e o manga como soportes para achegalo a unha ampla audiencia, abordando a mestura de xéneros dun xeito honesto e maduro". Salientou ademais "o debuxo e a narrativa moi ben executados e o descaro divertido, que enlaza moi ben todos os xéneros dentro da cultura pop".

O comité de selección do galardón estivo composto por David Rubín, Emma Ríos, Anabel Colazo e os gañadores da pasada edición do certame, Siqi Luis Yang e Uxía Larrosa.