Galicia é a comunidade autónoma que conta cunha maior representación no programa Afinidades Electivas que promove o Ministerio de Cultura. Un total de trece librarías do noso país acollen os encontros entre escritoras e escritores que traballan nas diferentes linguas do Estado.
Nesta xeira do programa nado en 2020 desenvolvéronse xa os encontros entre Berta Dávila e Marta Sanz na compostelá NUMAX, o que tiveron María Elena Higueruelo e Jesús Castro Yáñez na pontevedresa Paz, o de Katixa Agirre e Ismael Ramos na Berbiriana da Coruña e mais o de Beatriz Rodríguez Gregores e Nurtia Tamarit en Seijas (Pontevedra).
Para setembro o programa continuará coa conversa entre Manuel Astur e Antía Otero en Moito Conto (A Coruña). Alba Cid e Mario Obrero atoparanse na alaricá Aira das Letras mentres Ana María Lamela e Emma del Pilar Pereira visitarán Clarión na Coruña.
Xosé Henrique Monteagudo conversará con Edurne Portela na luguesa Bahía, a conversa entre Ledicia Costas e El Hematocrítico desenvolverase na Libraría Arte e Ciencia de Pontevedra, Ana Meilán e María Solar veranse na Libraría de Chus (Lugo) e Manuel Vilas e Yolanda Castaño teñen cita na coruñesa Cronopios. Libros para soñar, en Pontevedra, acollerá o diálogo entre Xosé Ballesteros e María José Floriano, e Lume, na Coruña, fechará o ciclo no noso país coa cita entre Marta Isabel Villar e Noemí Sabugal o 29 de setembro.
