Toxosoutos publica en catro linguas dez mil exemplares dunha banda deseñada sobre a historia de Compostela escrita e debuxada por Pepe Carreiro

Compostela en catro linguas

Pepe Carreiro, experimentado debuxante, humorista gráfico e autor de banda deseñada, é un dos creadores que máis actividade ten desenvolvido nas viñetas galegas dos últimos tempos. Dous álbumes en pouco máis dun ano e unha publicación infantil para "A Nosa Terra" representan os méritos máis recentes que lle valeron o Premio Ourense de BD 2003 este mesmo mes. Estes días preséntase o seu novo libro de BD, "Compostela, a historia dunha lenda". Toxosoutos edítao en galego, castelán, inglés e francés, cunha tiraxe total sen precedentes na BD galega: dez mil exemplares.

No que el chama "un tempo récord de catro meses", e co asesoramento do historiador Clodio González, o debuxante vigués rematou a obra que sae á rúa esta segunda quincena de outubro, o título "Compostela, a historia dunha lenda". Desde Toxosoutos S. L. (a editora da publicación) explican que nela Carreiro fai desfilar ante nós as datas, os feitos e os personaxes clave na historia da cidade de Santiago, "desde os albores da suposta descuberta do sepulcro do Apóstolo Santiago ata o alzamento militar de 1936".


O proxecto xorde no contexto da colección "Galicia en cómic" de Toxosoutos, unha serie que aborda a historia de diversas localidades galegas relatada desde os cadriños da novena arte. Despois de publicar "Noia, porto de Compostela" (X. Agrelo/X. L.Veiras, 2002), a editora contacta con Pepe Carreiro e proponlle que se ocupe de contar o pasado da capital de Galicia. El lembra que "foi un encargo. E ao primeiro resultou complicado, porque Compostela ten unha historia longa. Clodio González foi corrixíndome erros e achegando datos, e eu ía artellando a narración paralela que serve de fío conductor". Nela, dous estudiantes establecen unha dialéctica arredor dun exame de historia e deste xeito se van abordando os cinco capítulos que conforman a estructura da obra: "O sepulcro", "O esplendor", "A revolución", "A escuridade", e "O rexurdimento". Carreiro escolleu este esquema e ademais subliñou a importancia de episodios como a revolta dos Irmandiños.

Un repaso a días pretéritos da cidade que remata co inicio da Guerra Civil. O ano de 1936 preséntase na obra baixo o texto "O terror imponse na cidade. O propio alcalde, Ánxel Casal, é asasinado polos fascistas". ¿Por que rematar nese punto? O creador insiste na amplitude dos momentos que a crónica tiña que comprender, "simplemente, era unha cuestión de espacio". A limitación eran 48 páxinas, que se reproducen a cor no libro. "Compostela, a historia dunha lenda " aparece co formato típico de álbum europeo: Dimensións de 30,5 por 21 centímetros, con capa dura e encadernación cosida en fío. Pódese adquirir por once euros en librerías e quioscos.

Os toxos máis outos
De "Compostela, a historia dunha lenda" publícanse dez mil exemplares en total, a maioría rotulados en galego, outros en castelán, ademais de copias en inglés e en francés. Esta tiraxe como mínimo duplica as cifras máis optimistas de edición de cómic en Galicia, un fito na historia da nosa BD que Toxosoutos quere ademais converter nun éxito de vendas coa chegada do vindeiro ano santo de 2004, e co fluxo de turistas que se aproximarán entón percorrendo a ruta xacobea.

A iniciativa de Toxosoutos non é froito dun esforzo anecdótico, senón dunha aposta planificada pola banda deseñada. Despois de transportarnos á orixe de Noia e de Compostela, a súa colección "Galicia en cómic" ten xa programados tres novos títulos centrados en Vigo, na Estrada e na Coruña.

De momento, Pepe Carreiro non está implicado en ningún deles, pero si prepara outro álbum para a mesma editora, "Os Barbanzóns". O primeiro volume, subtitulado "Baroña ou morte", editarase este mesmo Nadal. Aparecerá no mesmo formato físico que "Compostela, a historia dunha lenda", aínda que o seu ton será moi distinto, xa que retrata con humor a vida castrexa, nunha parodia próxima a "Os Picapedra". Distribuirase en librerías, cunha forte campaña de publicidade que comeza a semana que vén en centros escolares, acompañada de dípticos, calendarios, caderniños e outros materiais promocionais.

Toxosoutos aposta paixonalmente por Pepe Carreiro e non descarta facer del o autor estrela do seu catálogo de cómic. A firma, fundada en 1988 e radicada en Noia, defínese como unha "empresa pequena" que pola súa modestia non pretende competir con Planeta, Galaxia, ou Xerais. "Cremos que o mercado editorial está en crise, pero non ten por que estar permanentemente así"; apuntan con espírito emprendedor: "Pensamos que as empresas deben tender á especialización e a iniciativa privada ten que apreciar a carencia de determinado producto". O primeiro contacto de Toxosoutos coa novena arte remóntase á edición en galego e en castelán do libro "Comic, aplicacións e estratexias" de Manuel Rajal, obra didáctica que explica a narrativa da BD.

Un premio a toda unha traxectoria
O prestixioso Premio Ourense de BD outórgase anualmente á mellor iniciativa ou personalidade relacionada co mundo do cómic en Galicia. Pepe Carreiro non contaba con gañalo este ano, aínda que con retranca comenta que "cando un ten certa idade...". O galardón, entregado o pasado tres de outubro na Casa da Xuventude de Ourense, achégalle sobre todo "unha ilusión". "Anímame a seguir facendo banda deseñada", explica, "un medio no que ultimamente me estiven metendo moito; levaba tempo centrado case en exclusiva na ilustración e no deseño gráfico, que é do que vivo".

Crónicas e outras historias
Desde 1981, cando se publica o álbum "A nosa cultura", máis de media ducia de títulos contan desde a linguaxe do cómic distintos aspectos da historia de Galicia, e outros tantos ambientan relatos de ficción en épocas históricas. Carreiro parte dunha premisa explícita á hora de situar "Compostela, a historia dunha lenda" nesta liñaxe: "Eu non son historiador. Fíome moito do asesoramento erudito, mais sempre interpretei os feitos pasados con completa liberdade. Eu son humorista, e un humorista no fondo, sempre é un escéptico". Recoñece que ese escepticismo e o humor poden darlle orixinalidade á súa visión de feitos pretéritos. Carreiro non gusta de ver as cousas en termos absolutos, por iso apunta: "Vexo que hoxe se volve falar en termos de bos e de malos, como se Isabel a Católica fose terrible e Pardo de Cela marabilloso".

Outros proxectos
Pepe Carreiro continúa facendo a revista infantil "Bule Bule" e traballando nos seus novos proxectos de cómic, en canto segue a súa carreira como deseñador gráfico e ilustrador, Carreiro tira tempo mesmo para colaborar puntualmente en proxectos diversos como o álbum colectivo "H2Oil". Tampouco esquece "Galicia nas Guerras Napoleónicas", a colección que comezou en 2002 co cómic "A retirada de Sir John Moore". O debuxante pretende completar un ciclo de tres títulos nos que se relatan as andanzas do personaxe Teixugo e os seus camaradas. O segundo volume recrearía a reconquista de Vigo e o terceiro situaríase na batalla de Pontesampaio. De momento o que hai é un compromiso verbal de Edicións Xerais e, por parte de Carreiro, as ganas de seguir adiante.

Portada de

Portada de "Compostela, a historia dunha lenda"