A Academia Ciencias recoñece o IES Rosalía de Castro co Premio de Divulgación Científica

O compostelán é o primeiro centro de ensino que recibe este galardón

| Santiago. Redacción | Seccións: Ciencia
Compartir:
IES Rosalía de Castro. Fonte: Wikimedia

IES Rosalía de Castro. Fonte: Wikimedia

O seu "proxecto educativo no fomento da cultura científica e tecnolóxica" valeulle ao público IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago facerse co Premio de Divulgación Científica 2023 que outorga a Real Academia Galega de Ciencias. A institución, que concedeu o recoñecemento por unanimidade, galardoa co mesmo "a traxectoria dunha persoa ou dun programa orientado á difusión ou divulgación da ciencia en Galicia". En edicións anteriores recibírono Manuel Luis Casalderrey García, Ramón Núñez Centella e Jorge Mira.

Segundo sinala o fallo do galardón, "o Instituto Rosalía de Castro ten como obxectivo que o seu alumnado cultive a curiosidade e desenvolva habilidades para a indagación e a investigación. Deste xeito, senta as bases dunha cultura científica entre o estudantado da ESO, Bacharelato, STEAMbach, ciclos de FP e ESA, que lles permite acceder de xeito máis doado á investigación na universidade". Entre outras propostas, a Academia destaca actividades como o Premio Stephen Hawking, o Premio IN, ou a participación na Semana da Ciencia, no Rally Matemático sen Fronteiras, nas Olimpiadas Científicas ou no Día da nena e a muller na ciencia.

Con este galardón, "a Real Academia Galega de Ciencias quere tamén valorar o traballo nos centros de Secundaria á hora de captar vocacións e estender este recoñecemento a todos os institutos que inclúan este ideal no seu traballo diario", destaca a institución.

O xurado desta edición estivo composto polos académicos da RAGC Ángel Carracedo, que actuou como presidente; Minia Manteiga como secretaria e Antonio Ballester, Antonio Rigueiro e José Ramón Cancelo.

Que che parece esta nova?
106 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ciencia, Rosalía de Castro, Ensino, Jorge Mira...