O Consello da Cultura abordará os pioneiros da BD galega moderna nunha xornada

Revisión histórica da banda deseñada galega: Xaquín Marín e Reimundo Patiño celébrase o vindeiro 27 de xuño

<i>Revisión histórica da banda deseñada galega: Xaquín Marín e Reimundo Patiño</i> celébrase o vindeiro 27 de xuño
Imaxe da xornada sobre Xaquín Marín e Reimundo Patiño no CCG
Dúas conferencias e unha mesa redonda abordarán o vindeiro 27 de xuño o traballo de dous pioneiros da banda deseñada do país no Consello da Cultura Galega. Revisión histórica da banda deseñada galega: Xaquín Marín e Reimundo Patiño é o título deste encontro que quere ser un "punto de partida para coñecer como nace a aventura do cómic galego e como serve para que aqueles que os sucederon sitúen esta parte da nosa arte nun contexto de actualidade".

Miguelanxo Prado será o encargado de tratar a figura de Xaquín Marín, nun relatorio que leva o título de Xaquín Marín: viñetas pétreas. Antón Patiño fará o mesmo con outra figura fundamental da novena arte do país nunha palestra que leva o título de Reimundo Patiño: viaxe ao futuro. Un coloquio entre os dous relatores mediado polo presidente da Real Academia de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, fecha o programa do encontro. A actividade, coordinada pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura, ten aberta a inscrición gratuíta a través do web da institución.