A mostra Picasso protagonista achega á BD o traballo do pintor

Obras de 40 artistas poden verse na sede compostelá de Afundación ata o 2 de setembro

Un total de 170 pezas a reinterpretar, desde a banda deseñada, o traballo de Picasso. Esta é a proposta que fai Afundación na súa sede de Compostela desde este 15 de xuño e ata o vindeiro 2 de setembro coa exposición Picasso protagonista. A mostra, que se enmarca nas conmemoracións polos 50 anos do falecemento do pintor, achega obras de 40 dos nomes máis destacados da novena arte estatal e galega.

A iniciativa bota a andar ás 19 horas cunha visita guiada e unha demostración ao vivo do traballo de Tony Pons. Canda a el, participan da apertura Javier Gay Lorente, que reinterpretou o Guernica nunha peza de cinco metros, e os galegos Cynthia Alfonso e Óscar Raña, que realizaron unha peza conxunta para a mostra. Canda a eles, Paco Roca, Eneko, Ángel de la Calle, Javier Olivares, María Herreros, Laura Pérez Vernetti, Idígoras e Pachi, e os galegos David Rubín e Jacobo Fernández Serrano son algúns dos nomes que fan parte da proposta. A complementar estas olladas, o arxentino Liniers, autor da tira Cousas que, se cadra, lle pasaron a Picasso conta cunha sección específica na mostra.

Asier Mensuro comisaría este proxecto no que se propón "unha reflexión a través do cómic coa que afondar no mito de Picasso e entender como se integra no imaxinario colectivo da cultura española do noso tempo", segundo sinala Afundación. Para a mostra, Mesuro compilou propostas xa existentes que se mesturan nas salas con pezas realizadas de xeito específico para a mostra, a incluír bandas deseñadas en papel, en lenzo e obras en gran formato canda a "cómics despregados no espazo, instalacións específicas ou xogos de mesa experimentais".

Segundo el, procurou reflectir para esta iniciativa a ollada propia que a escena estatal da BD ten sobre o traballo do pintor. Segundo el nos traballos presentes "está captado moi bien o imaxinario colectivo sobre Picasso" da sociedade española. As reflexións sobre o autor e o seu traballo arredor da Guerra Civil, canda á perspectiva de Picasso como "mito" con "simboloxía propia" están presentes na mostra.