Ciro Fernández Briones gaña o Premio de Poesía Concello de Carral

O poemario 'Oídos de espeleóloga' foi o escollido entre as 90 obras presentadas este ano

O poemario 'Oídos de espeleóloga' foi o escollido entre as 90 obras presentadas este ano
Ciro Fernández Briones
Ciro Fernández Briones (Pobra do Caramiñal, 1996) resultou o gañador do 26º Premio de Poesía Concello de Carral coa súa obra 'Oídos de espeleóloga'. O poemario de Briones foi escollido entre un total de 90 obras presentadas, o cal supón unha nova marca para este certame que tiña a súa mellor cifra de participación en 56 libros. O xurado salienta do libro gañador a súa coherencia, o ritmo, o coidado da linguaxe e a súa harmonía verbal. Segundo se comunica, trátase dun poemario "que desde certas coordenadas da filosofía explora líricamente espazos da desolación e afonda na reflexión metafísica. O eu poético trasládanos a un espazo de escuridade que moito ten que ver cos cadros do pintor polaco Beksinski, e ofrece un discurso poético que alumea e libera entre tanta desolación". O xurado estivo composto por Olga Patiño Nogueira, Carlos Penela e Antía Marante. Como presidente actuou o alcalde de Carral, Javier Gestal, e como secretario o técnico de Cultura e coordinador do certame, Carlos Lorenzo. O premio Concello de Carral está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.

O autor gañador conta xa no seu haber con galardóns como os de poesía e de ensaio da Universidade de Vigo no 2020, o 1º premio de poesía Xuventude Crea nas súas edicións do 2020 e 2022, e o 2º premio do XXIII Certame de Poesía Díaz Jácome (2022). O acto de entrega do premio Concello de Carral está previsto para o venres 9 de xuño na Casa da Cultura e servirá, así mesmo, para presentar o libro Trono e caléndula, co que Carlos Penela gañou a pasada 25ª edición do certame. O evento contará tamén coa presentación do recital poético e musical 'Os puntos do impacto', creado por Álex Mene e Margarida Mariño a partir do poemario do mesmo título que gañou o certame no ano 2021.