O programa Movevigo dinamiza a vida cultural da Cidade Olívica expoñendo ao público as actividades das agrupacións veciñais

Veciños da cultura

En todos os barrios, sobre todo nas cidades, existen grupos que desenvolven algún tipo de actividade cultural. Moitos destes grupos de base están a miúdo integrados nas asociacións de veciños, e dinamizan a vida de barrio con música, baile ou outras actividades que rara vez superan as fronteiras. En Vigo a Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao en colaboración co Concello acaba de poñer en marcha un proxecto para mudar esta situación. Trátase de Movevigo, un programa cultural que leva aos escenarios de diferentes barrios o traballo calado destes grupos.

Todos os coñecemos. Nalgún local preto das nosas casa escoitamos música, nas festas do barrio vemos un grupo de rapaces bailando música tradicional, ou aos veciños facendo teatro. Grupos de afeccionados, escolas de todo tipo de actividades culturais abondan nos nosos barrios, desenvolven unha actividade habitualmente calada dentro dos límites destas zonas e serven en moitos casos como base para proxectos de máis alcance. Como en todas as partes, en Vigo existen unha boa chea de grupos dedicados a estes mesteres, e nada menos que oitenta e catro deles están vencellados ás diferentes asociacións de veciños que conforman a Federación Veciñal Eduardo Chao. Agora acaba de nacer Movevigo, un programa que os vai sacar do límite do seu barrio e vai tirar á luz, de xeito estable e continuado, o seu traballo dinamizando a vida cultural da cidade.

Mover a base
O pasado sábado catro de outubro as corais polifónicas de San Paio de Navia e de Cabral actuaron no local da Asociación de Veciños de San Xoán Poulo. A noticia non tería especial relevancia se non fose porque supuxo o comezo de Movevigo. A orixe deste programa está xa no pasado mes de maio, cando a Concellería de Festas da Cidade Olívica asinaba un convenio coa Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao para financiar este tipo de actividades. A Federación achegaba unha programación e un capital humano, as máis de dúas mil persoas que participan habitualmente nas actividades das oitenta e catro agrupacións culturais que se integran na Federación. Xosé Couñago, vocal de cultura da Federación explícao. “O que tentamos facer foi unha coordinación deste movemento cultural das parroquias, un programa que se poida ofrecer á cidade enteira”. Os interesados poden coñecer o programa completo a través de Internet e mesmo subscribirse para recibir a través de mensaxes de móbil as actuacións de cada semana.

Programación
Os primeiros tres meses de Movevigo contarán con trinta actuacións que se desenvolverán todas as fins de semana ata o vindeiro mes decembro. A Federación prevé que en total se realicen seis representacións teatrais, seis actuacións de música clásica, cinco de folk, cinco actuacións corais, cinco festivais tradicionais e sete actuacións de animación infantil. A maior parte das actuacións desenvolveranse nos locais das propias asociacións de veciños da cidade entre outros lugares. Unha programación que non custou máis de vintecatro mil euros e que desde a Federación ven coma unha necesidade existente na cidade. “Nos últimos anos houbo unha potenciación de grandes infraestructuras culturais que eran necesarias para a cidade. O que achabamos en falta era que se atendese un pouco a vertebración da cultura de base, e nese sentido é no que nós achegamos o noso gran de area”.

O movemento do 2004
Un gran de area que transcende con moito o programa cultural para este último trimestre do ano, e que continuará ao longo de todo o ano que vén. “Para o 2004”, sinala Couñago, “queremos incrementar o número de actuacións. Estamos a facer unha avaliación da demanda social que existe e vemos que hai moita xente que quere ver actuacións de música folk e clásica. Para atender a esta demanda imos potenciar a creación de grupos deste tipo durante o 2004 no seo das agrupacións veciñais”. Couñago asegura que na Federación non coñecen ningunha outra iniciativa semellante a esta, e celebra que o pasado domingo doce un xornal da cidade abrise a súa edición sinalando que o día anterior se superara unha marca de actividades culturais no concello, en boa medida gracias ás catro actuacións (música clásica, folk, monicreques e teatro) que estaban integradas en Movevigo.

Arredor do programa
De cara ao futuro, na Federación pretenden apontoar esta iniciativa, que é parte do Plan Veciñal de Cultura da Federación. Dentro deste plan, ademais vanse potenciar escolas veciñais coma as de xadrez ou pintura que xa están en marcha e iniciaranse ciclos de cine polos barrios. Tamén se verán reforzados os obradoiros de etnografía e sobre medio natural que levan aos máis novos de cada barrio a coñeceren estes aspectos do seu contorno máis inmediato, e que están a ter unha grande aceptación. Outro grande proxecto que están en marcha é a organización da formación musical Muxenas, que reunirá a máis de oitenta persoas sobre un escenario combinando música e baile tradicional con canto. Polo de agora está xa feita a selección de instrumentistas, todos eles saídos das agrupacións culturais da Federación. En xaneiro engadirase o grupo de baile e para finais de 2004 completarase a formación co grupo de voces.