Eli García Debuta na BD con O grande aviario

Carlos Portela guioniza a novela gráfica Contrition

Está a chegar ás librarías a primeira obra da pontevedresa Eli García no campo da banda deseñada. Antela editorial publica O grande aviario, unha obra a toda cor para público infantil que conta a historia de Lea e Íar, dúas nenas que viven unha aventura nas que as aves teñen un importante papel e que traslada unha mensaxe ecoloxista.

Pola súa banda, o veterano guionista vigués Carlos Portela asina Contrition, con debuxos do madrileño Keko e publicado por Norma Editorial. Este thriller de 168 páxinas en branco e negro narra a investigación dunha morte na localidade de Palm Beach, onde mora un alto número de antigos convictos condenados por delitos sexuais.

A estas novidades súmase a edición en galego de A batalla de Rande. A editorial Galaxia traduciu para a nosa lingua este álbum de 68 páxinas publicado en castelán por Cascaborra edicións e que conta con guión do vigués David Braña e debuxos do tamén galego Pablo Prado.