O sector da danza dialoga na Cidade da Cultura

Unha xornada reúne creadores e programadores para contrastar diagnoses e propostas

Unha xornada reúne creadores e programadores para contrastar diagnoses e propostas
A Cidade da Cultura de Galicia, no Monte Gaiás da capital galega, acollerá este martes, 28 de marzo, a xornada 'Diálogos de danza. Unha ponte entre a programación e a creación', un foro de encontro e discusión entre o colectivo das compañías de danza e artes do movemento, os profesionais da programación das artes escénicas en Galicia e a administración pública. A Axencia Galega das Industrias Culturais organiza este foro no que participan a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e Escena Galega. O obxectivo principal deste encontro é poñer en común as diagnoses e propostas no marco da futura presentación do Plan Integral da Danza de Galicia elaborado pola Xunta. Unha das medidas do devandito plan fai fincapé na necesitade de levar a cabo foros abertos á colaboración e ao debate co fin de afondar en iniciativas e boas prácticas, tanto no territorio galego como en España e no ámbito internacional.

Entre as 9.30 e as 18.00 hrs. na Sala Eisenman do complexo reuniranse representantes do sector arredor dun programa que comezará coa presentación dos resultados sobre o proceso de análise e propostas para a mellora das programacións de espectáculos de danza e artes do movemento e que incluirá, entre outros puntos, unha sesión de presentacións a cargo de compañías de danza e/ou distribuidoras galegas. O programa tamén inclúe unha posta en común de "experiencias inspiradoras sobre danza" e unha conversa titulada "Cara novos modelos de exhibición da danza nos concellos de Galicia". Nomes como Nuria Sotelo, Kirenia Martínez, Paula Quintas, Diego Meizoso, Diego Parajó e outros profesionais da danza ou da xestión cultural tomarán parte nesta xornada, de inscrición gratuíta e aberta.

O Plan Integral da Danza de Galicia é un documento que aínda non se presentou e está a elaborarse por parte da Xunta desde o 2020. Nesa elaboración levouse a cabo un proceso consultivos e algúns encontros entre a administración e representantes do sector para ir concretando os seus obxectivos e prioridades, a última das cales tivo lugar en xuño do pasado ano. O Consello da Cultura Galega abordou tamén a situación na xornada 'O estado da danza en Galicia' en xaneiro de 2020 para crear un espazo de diálogo entre os axentes implicados, como o que agora crea esta xornada. As súas conclusións e intervencións están dispoñibles no web do CCG.