Chega a Santiago a mostra "FUXAN OS VENTOS. 50 anos de historia"

A presentación da exposición abrirase cun acto musical de homenaxe a Moncho Díaz

A presentación da exposición abrirase cun acto musical de homenaxe a Moncho Díaz
Unha intervención musical de homenaxe a Moncho Díaz engadirase este martes, 14 de marzo, ao acto inaugural de presentación da exposición "FUXAN OS VENTOS. 50 anos de historia", que se presenta en Santiago de Compostela tras do seu paso por Lugo. O pequeno concerto, a celebrar no Auditorio Abanca da capital galega na rúa do Preguntoiro, servirá tamén para que os membros da semicentenaria formación executen ante público a canción "Eu en ti", creada como homenaxe ao moi recentemente falecido Díaz, que foi un dos piares de Fuxan os Ventos desde o ano 1979. A canción, presentada pouco despois da morte de Díaz o pasado 17 de febreiro, pon música a un poema de Celso Emilio Ferreiro a través de una composición de Xoán Luís Fuertes Saavedra.



A exposición que se presenta agora en Santiago na sede de AFundación (Rúa do Vilar), aberta inicialmente no Vello Cárcere de Lugo o pasado outubro de 2022 a coincidir co 50 aniversario da presentación en público do grupo, presenta un compendio de materiais cos que percorre a súa historia por primeira vez a través dunha variedade de formatos (gravacións inéditas, fotografías, documentos, prensa...) que nos permiten comprender a súa progresión e de que forma tomaron partido pola cultura popular. A exposición conta coa participación activa dos protagonistas, un conxunto de singularidades que compón un calidoscopio a partir dos recordos, aprendizaxes e experiencias froito desa viaxe continua de ida e volta co pobo. O catálogo da exposición: "Fuxan os ventos. 50 anos de historia. 1972-2022", editado polo Consello da Cultura Galega, está dispoñible na rede para a súa descarga gratuíta. O núcleo da publicación está integrado pola propia mostra, con documentación que narran a evolución desta formación musical desde o seu nacemento no Colexio Menor Santísimo Sacramento de Lugo ata o ano 2022 en que actúa na homenaxe a Darío Xohán Cabana ou recibe o galardón honorífico dos Premios Martín Códax da música. O libro inclúe elaboracións gráficas como a cronoloxía da formación, un mapa cos concertos ou a propia inauguración da exposición. A maiores o texto inclúe textos asinados polo propio grupo, Uxía Senlle, Xoán Manuel Estévez ou a comisaria da exposición, Sabela Fraga. A mostra estará na capital galega ata o 27 de maio.

Novo volume sobre a memoria do grupo
A coincidir con esta reapertura da exposición, a Editorial Galaxia ven de publicar o libro "Quixo o paxaro pousar na póla o seu chío", onde Mero Iglesias membro fundador e ex-compoñente de Fuxan os Ventos, separado da banda en 1982, se volve relator das súas memorias, dos 50 anos de Fuxan os Ventos e da música daqueles anos importantes da recente historia de Galicia, e que converten esta relación de feitos "na miña verdade, que exerzo na liberdade de contar. Aínda que é certo que vai arroupada con datos que poidan dar proba, por eles mesmos, de que a historia xa foi narrada anteriormente, e discrepo das que outras persoas contaron", en palabras do autor.