Loita Amada volve reivindicando que 'Resistir é vencer'

O grupo da Estrada presenta o seu terceiro disco longo

Coa frase 'Resistir é vencer', atribuída ao socialista e presidente na segunda república Juan Negrín, titulan o seu novo traballo longo a formación Loita Amada. Este é o terceiro álbum da banda estradense liderada por Jásper (ex-NAO) e chega dous anos despois do anterior 'Rematou o simulacro' (Loita Amada Records, 2023). Cunha pompa de xabón na portada a banda simboliza unha situación actual na que "medio mundo está en guerra mentres a outra metade mira para outro lado", din. Mantendo a súa actitude reivindicativa e de loita social, que inunda letras e melodías nos once cortes deste disco, a banda non dubida en ir directa a temas de controversia actual con nomes propios obxecto das súas críticas.

Cunha base de rock duro moi presente na visibilidade das guitarras, o álbum transita tamén polas sonoridades do punk, folk, reggae, ska ou pop. Jásper como letrista, voz principal e guitarra, Davide Salgado á guitarra, Alberte Fernández ao baixo, Xiana Naval co trombón, Ana Novo á trompeta e Amós Varela na batería completan o sexteto que publica 'Resistir é Vencer'. Ademais deles contan con colaboracións como a de Grande Amore, Tanxugueiras, Vituco Neira ou Mini Rivas entre outros. O disco xa está dispoñible nas plataformas dixitais e este mesmo sábado, 18 de outubro, terán ocasión de defender en directo os novos temas dentro do Festival solidario Nos Seus Pés en O Grove.