Dioivo recupera con 'Que soe o trono' a música da súa anterior formación

O quinto disco do dúo conta coa colaboración dos compoñentes do seu primeiro grupo

| Santiago. Redacción | Seccións: Música
Compartir:
Dioivo recupera con 'Que soe o trono' a música da súa anterior formación

A coincidir co Día de Rosalía o dúo vigués de metal rock Dioivo lanzou o que xa é o seu terceiro álbum de estudio completo, titulado 'Que Soe o Trono' (Romantic Songs Records, Loita Underground e Speedhammer Records). O novo traballo longo chega tres anos despois do 'Cara os Ceios Incrementes' (Sleaszy Rider Records, 2023) Con este novo álbum, a banda celebra non só 10 anos como Dioivo, senón tamén 15 anos dende a fundación da súa formación predecesora, Rust in Peace, que en 2016 converteuse no dúo Dioivo actual.

Neste 'Que Soe o Trono' recuperan os temas desta banda anterior, renovados e con novas letras en galego como é norma na discografía de Dioivo. Deste xeito, fronte a outras influencias do son dos vigueses como o black metal melódico, gaña peso o thrash metal que lles caracterizaba nestes comezos, aínda que adaptados tamén ao estilo habitual da banda. Como xeito de recoller toda a súa historia o álbum conta coa presencia de ex-membros de Rust in Peace que abandonaron posteriormente o proxecto. 

 

Todas as cancións contan coa colaboración da baixista Darcy Maestu Ham, compositora dos temas e que ademais se encarga do deseño gráfico do álbum. A presenza do baixo engade un toque distintivo a este traballo con respecto aos anteriores editados baixo o nome de Dioivo, dominados principalmente pola batería de Daniel Valladares Otero e as guitarras e voces de Jacobo Mouriño Almeida, os membros oficiais que permanecen na banda. O guitarrista fundador de Rust in Peace, Pablo López Figueroa, colabora en “Aniquilación” e a homónima “Que soe o trono”. A continuación dos 10 temas do álbum propiamente dito, inclúese tamén, como pistas extra, a maqueta publicada por Rust in Peace en 2013. Deste xeito reedítanse estes temas, que contan coa presenza do vocalista orixinal Fernando Rodríguez Silva, 12 anos despois do seu lanzamento inicial. O álbum foi gravado, mesturado e masterizado, como é habitual nos discos dos vigueses, por Dany Soengas no seu estudio DS Audio en Vigo. Dioivo ten anunciadas xa dúas datas de presentación deste novo disco. A primeira será o vindeiro día 7 de marzo, sábado, no CS o Pichel de Santiago de Compostela. Nesta cita os vigueses estarán acompañados doutras tres bandas de black metal e metal extremo en lingua galega. Tras diso a banda actuará na casa, no Pub Transylvania de Vigo. 

Que che parece esta nova?
121 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Claves