Pauliña re-volta co seu terceiro disco 'Testemuñas'

Apenas fai un ano que a artista sacara o seu anterior traballo 'A Malfalada'

Apenas fai un ano que a artista sacara o seu anterior traballo 'A Malfalada'
Pouco máis de tres anos despois da presentación do seu primeiro traballo longo De-xeneración( Xonix records, 2018) o nome de Pauliña xa é un elemento de primeira orde na música en galego. A de Cambados ven de presentar fai uns días en concerto o que xa é o seu terceiro álbum Testemuñas, con apenas un ano de separación do anterior A Malfalada(2020), todos eles publicados baixo o selo Xonix records, de Bandeira (Silleda). O novo disco é unha nova mostra da versatilidade de Paula Chaves para transitar por diversos rexistros sonoros que van de novo desde o ská ata o rock, o swing ou eses blues electrizantes nos que se lle ve tan cómoda como ese Remordementos cuxo vídeo, asinado por Xaime Miranda servíu de presentación do novo disco.



Dez temas orixinais conforman este álbum, que asinan a propia Pauliña xunto a dous dos músicos da súa banda : Paco Montoto e Lolo Arincón. A presenza de colaboracións destacadas segue a ser unha das características nas gravacións de Pauliña, neste caso o disco conta coas interpretacións de O Leo de Matamá, High Paw, Nee Barros, Fosi (DeLombaos) e a banda portuguesa Kumpania Algazarra ao completo. A actitude rebelde, inconformista e revolucionaria domina as letras deste Testemuñas. A artista, xunta con Nee Barros, pon palabras a unha postura xeracional en O mesmo mal; defende un xeito de vida ante acusacións de inmadurez en Pasa de min, co apoio de Fosi e a importancia da alegría compartida e a amizade en Noite de Compostela, cantada con High Paw. A artista ten tamén espazo para os rexistros intimistas, a balada Heroes, de referencia a David Bowie é unha boa mostra da súa capacidade e versatilidade que de seguro verase nos escenarios xa este verán.