Falece o poeta Salvador García-Bodaño

O escritor era membro de número da Real Academia Galega

Salvador García-Bodaño (Foto de arquivo do Consello da Cultura Galega)
Salvador García-Bodaño (Foto de arquivo do Consello da Cultura Galega)
Salvador García-Bodaño Zunzunegui, escritor e membro da Real Academia Galega, falecía hoxe aos 87 anos de idade. Natural de Vigo, onde naceu no barrio de Teis no ano 1935, García-Bodaño foi un escritor especialmente recoñecido no eido da poesía publicando a súa primeira obra en 1967: "Ao pe de cada hora". Procurador dos tribunais de profesión, na súa actividade literaria tamén exerceu como narrador, crítico de arte e activo columnista de temas culturais e sociais. Pertence á Xeración das Festas Minervais. Formouse intelectualmente en Santiago de Compostela, espazo de acollida de toda a súa vida, dende onde desenvolveu unha dilatada actividade cultural e política. Era membro numerario da Real Academia Galega desde 1992, ingresando co discurso "Compostela e as nosas letras ata o Manifesto Máis Alá". Membro do Padroado Pedrón de Ouro, cofundador, entre outras, da Asociación Cultural O Galo, do Museo do Pobo Galego (onde se prevé instalar a capela ardente para velar os seus restos mortais), da Asociación de Escritores en Língua Galega e do PEN Clube de Galicia. Colaborou nos xornais La Noche, El Correo Gallego, El Ideal Gallego e La Voz de Galicia, na Gran Enciclopedia Gallega,nas revistas Grial, Dorna ou Luzes de Galiza. Recibiu, entre outros o Premio Xunta de Galicia de Creación Cultural 1988 e o Premio da Crítica española en dúas ocasións.

A Real Academia Galega expresou públicamente o seu fondo pesar polo pasamento do académico ao que sinala como "unha das figuras máis singulares e anovadoras da promoción dos 50". García-Bodaño soubo, “coma poucos, erguer a voz e, en tempos ben miserentos, facer do canto un abeiro liberador, autentificador”, en palabras do seu compañeiro de xeración e tamén académico Arcadio López-Casanova (1942-2022) que a RAG recolle no seu comunicado. A Academia lembra que García-Bodaño era un escritor "de produción moi reflexiva e espazada nas publicacións, entre libro e libro colaborou en revistas e distintos volumes, mantivo unha intensa produción xornalística, cultivou a tradución e foi un destacado activista cultural dende os anos escuros da ditadura". Lembra a academia como o diálogo coa arte foi outra vertente notable da obra poética dun home con gran formación plástica, expresado en títulos como '37 debuxos para un país' (Ediciós do Castro, 1985), unha colección de breves poemas en prosa que acompañan a obra gráfica de Felipe Criado; e Compostela (1989), con gravados de Alfonso Costa; ou o propio poemario 'Cidade virtual', no que acompañou os versos con ilustracións da súa propia autoría. Os seus poemas, indica a RAG, foron traducidos ao inglés, italiano, francés, ruso, sueco, catalán, ou árabe e aparecen recollidos nas máis sobranceiras antoloxías da lírica contemporánea de Galicia, coma na publicación "Poetas e Narradores nas súas voces. Vol.1" (Consello da Cultura Galega, 2001) na que fixo unha lectura dalgúns dos seus versos que foi recollida como grabación na obra.

Tamén desde a AELG veñen manifestar o seu "profundo pesar" polo pasamento do escritor, Socio de Honra deste colectivo desde 2004, como lembran no seu comunicado. Lembran nesta nota a García-Bodaño como un poeta e narrador "prezado por todas e todos nós pola capacidade creadora e a súa achega incansábel para dotarnos de institucións culturais, sociais e políticas", segundo sinalan.


Not.actualizada ás 14:23 hrs.




Escoita a Salvador García Bodaño

No programa Poetas de Galicia: entrevista e recitados (1968)



Fondo: Fondo RNE Galicia. Arquivo Sonoro de Galicia (CCG).
Sinatura: ACRN00073 | corte 01

"Ámbito de nós", un recitado do poeta (2001)



Fondo: Poetas e narradores nas súas voces. Consello da Cultura Galega (CCG).
Ligazón: Especial de culturagalega.gal