Talía Teatro trae a Ibsen actualizado á temporada dramática

Tito Asorey dirixe 'Unha inimiga do pobo' que se estrea este venres na Coruña

Unha das pezas de referencia da dramaturxia universal, escrita polo noruegués Henrik Ibsen en 1882 chega ás táboas galegas da man de Talía Teatro, que adapta o texto, colocando unha muller como protagonista en "Unha inimiga do pobo". Este venres, 3 de marzo, o teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle a estrea e as primeiras representación (sábado, 4) desta montaxe baixo dirección de Tito Asorey, que tamén foi quen adaptou o texto xunto a Vanesa Sotelo. Marta Lado protagoniza o espectáculo, no papel de Helena, unha doutora de prestixio internacional que regresa á vila natal para comezar unha nova etapa xunto ao seu compañeiro. Embarazada de cinco meses, afronta o seu novo estado coa ilusión por un novo proxecto profesional co balneario que ela mesma deseñou e que se presenta como un alternativa turística sostible e saudable. A inesperada contaminación das augas da zona e a súa loita por preservar a saúde da poboación fronte aos intereses económicos van colocala no punto de mira da veciñanza que ve como se pon en risco a prosperidade para toda a comunidade. Completan o reparto Toño Casais, Dani Trillo, Rubén Prieto, Marta Ríos, María Ordóñez, Diego Rey, Artur Trillo e Xurxo Barcala.

Co teatro social de "Unha inimiga do pobo" denuncia Ibsen unha forma de facer política que antepón os beneficios económicos sobre a saúde da poboación, ao tempo que permite reflexionar sobre o poder dos medios de comunicación á hora de moldear a opinión pública e colocala no lugar no que ao poder lle interesa. Desde a compañía sinálase a "rabiosa actualidade do texto", probada, segundo eles ao descubrir como os problemas incipientes que o protagonista afrontaba no século XIX volvéronse máis profundos e daniños no século XXI. Así, coa vontade de aproximar aínda máis a peza, a Galicia actual serve de escenario para esta proposta onde a desinformación, os riscos das maiorías absolutas, a crise ecolóxica e a depredación neoliberal deseñan un contexto hostil no que as emocións humanas son sometidas á máxima presión. Talía afirma querer converter o teatro nun foro "onde poidamos ollarnos como sociedade e vernos reflectidos coas nosas contradicións e problemáticas". O espectáculo xa ten datas confirmandas da súa xira que seguirá en Carballo, Vimianzo, Cee, Ourense, Lugo e Betanzos, polo de agora.
Ligazóns