A nova exposición do MARCO presenta o diálogo de Laxeiro cos seus artistas de referencia

A exposición estará aberta ata o 21 de xullo

Laxeiro pintando Cencerrada, 1950 Foto: cortesía Fundación Laxeiro
Laxeiro pintando Cencerrada, 1950 Foto: cortesía Fundación Laxeiro
Unha nova exposición súmase ao Ano Laxeiro. Desta volta, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o MARCO, inaugurou hoxe a exposición "Laxeiro e a arte da súa época", que reúne obra significativa do pintor de Lalín, pero tamén inclúen pezas destacadas de artistas que el valorou, como Zuloaga, Corredoyra, Souto, Colmeiro, Maside, Asorey, Mallo, Seoane ou Tores García, ou aqueles moi queridos por el como Gutiérrez Solana, Vázquez Díaz ou Palencia. "Trátase de poñer en contexto a obra de Laxeiro coa arte da época", afirma o comisario Miguel Fernández-Cid. A mostra busca conexións visuais rápidas entre os cadros de Laxeiro e os de outros autores. A mostra estará aberta ata o 21 de xullo e está integrada por pezas das coleccións municipais de vigo canda o Museo de Belas Artes de Bilbao, Abanca e Afundación, ademais de coleccionistas privados.