Sondeseu presenta este venres o seu novo espectáculo 'Entreterras'

A Orquestra Folk conta para esta proposta coas colaboracións de SÉS, o portugués Daniel Pereira e o canario Hirari Afonso

A Orquestra Folk conta para esta proposta coas colaboracións de SÉS, o portugués Daniel Pereira e o canario Hirari Afonso
Sondeseu
Un fío sonoro para tecer un "meridiano invisible" entre Galicia, Portugal e Canarias a través das músicas de raíz é o concepto do nace "Entreterras", o novo proxecto escénico da Orquestra Folk de Galicia Sondeseu, no que se acompaña de tres artistas comprometidos respecto ás músicas tradicionais dos seus territorios: a galega SÉS, o portugués Daniel Pereira e o canario Hirari Afonso. Compartindo con eles os escenarios estará o medio cento de músicos que conforman o corazón dunha orquestra única en Galicia que, baixo a dirección de Xaquín Xesteira, conta con nove seccións instrumentais: arpa céltica, buzuqui, canto, contrabaixo gaita, percusión, requintas, violín e zanfona. "Entreterras" estrearase este vindeiro venres, 24 de maio, no Teatro Afundación de Vigo e poderá verse despois o domingo 2 de xuño no Pazo da Cultura de Narón.

Nesta ocasión, SonDeSeu propón ao público unha viaxe sonora a través de dous concertos semiacústicos, con arranxos e adaptacións que nacen das creacións de artistas de referencia nos seus territorios. Así, desde a voz da cantareira e pandeireteira María Xosé Silvar, SÉS, creadora de himnos que transitan entre a tradición oral e o rock and roll, Entreterras percorre a música da creadora coruñesa para dar paso á discografía doutro grande activista cultural, neste caso do norte de Portugal, como é o cantante e tocador de corda pulsada Daniel Pereira Cristo. Coñecido pola súa destreza co cavaquinho, a súa arte entronca con outro instrumento irmán, dunha costa que tamén baña o Atlántico: o timple, que nesta ocasión toca o canario Hirahi Afonso.

O espectáculo, que dá continuidade ao anterior "Arraianos" (2018) na aposta pola visualización e reivindicación das músicas ibéricas, preséntase cun rechamante cartel, coroado pola imaxe dun volcán en erupción, un fenómeno que transforma o territorio ao seu paso. Este volcán representa, segundo Anxo Pintos, presidente da Fundación SonDeSeu, "a creación e destrución da paisaxe, ao igual que as músicas de SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira transforman, dun xeito vibrante e ateigado de luz, o repertorio da nosa orquestra". A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu nace hai vinte anos no seo do extinto Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, a actual ETRAD. A agrupación explora a fusión e mestura das músicas patrimoniais con elementos contemporáneos. A posta en valor da música de raíz ao longo destas dúas décadas materializouse en numerosos proxectos de investigación no ámbito da música folk, traballos discográficos ou eventos singulares, alén da participación en múltiples festivais e auditorios europeos.