As celebracións destes días ao redor do Día das Letras Galegas valeron tamén para que as diferentes partes implicadas na normalización da lingua galega crucen mensaxes sobre o novo tempo político. Dunha banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, avanzou a vontade do goberno para "actualizar" o Plan de Normalización Lingüística e acadar un "gran consenso", xa que "os tempos evoluíron moi rápido". O conselleiro expresou o interese, por exemplo, por mellorar a presenza do galego nas novas tecnoloxías e nas redes sociais. Confía en incluír no acordo ás institucións como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega ou as universidades. Pola súa banda, Víctor Fernández Freixanes, presidente da Real Academia Galega, tamén amosou a posición da Real Academia Galega durante a súa intervención no pleno do Día das Letras Galegas, na Coruña. Freixanes chamou a "corrixir erros e abrir esperanzas" nun "gran pacto polo galego". Pediu facer "crítica e autocrítica" e "pensar no seu futuro, no seu proxecto, alén das nosas fronteiras, na súa utilidade, no seu uso e nas xeracións do futuro". Freixanes manifestou a disposición de incluír a "todas as voces, sen excluír a ninguén e quizais todos ceder algo". Para o presidente da RAG, os problemas do galego atópanse nestes momentos de xeito máis acuciante na transmisión familiar. Son mensaxes que van preparando un outono que se augura de negociación.
Xunta e RAG amosan a súa dispoñibilidade a negociar un novo acordo pola lingua galega
O Conselleiro de Cultura avogou por "actualizar" o Plan de Normalización Lingüística
41 lecturas | Compartido 0 veces
Universo culturagalega.gal
Universos
Claves
Protagonistas
