Un manifesto co nome de Villalta pide incluír a música no ensino da literatura

Xurxo Souto impulsa este documento baseado nos conceptos enunciados pola autora

Capa do ensaio de Luísa Villalta reeditado por Editorial Galaxia
Capa do ensaio de Luísa Villalta reeditado por Editorial Galaxia
"Axiña pasarán os fastos do Día das Letras. Mais a mensaxe de Luísa Villalta segue a vibrar como manifesto neste tempo de revolución que está a vivir a música (e a poesía) galega", dí nun dos seus parágrafos o " MANIFESTO VILLALTA. Polo reencontro didáctico entre a música e a poesía" que o músico e escritor Xurxo Souto propón a través da plataforma Change.org. Durante a súa recente intervención como condutor da gala dos XI Premios Martín Códax da Música Souto xa foi deitando as ideas nas que basea esta posición, revivindicando os oitocentos anos da poesía cantada en Galicia e apoiándose abertamente na obra e pensamento da autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Souto comeza citando a obra de ensaio de Villalta "O outro lado da música, a poesía" (1999), na que a autora, música e poeta, tecía a relación entre ambas artes a través dunha relectura da historia da poesía galega procurando nesta a presenza substantiva da música, dende a Idade Media ata as Irmandades da Fala e a época Nós. A partires daí e do resto das obras e a traxectoria interdisciplinar de Villalta, redescubertas grazas a esta celebración, Souto entende que Luísa Villalta amplía o concepto do que é literatura: "a poesía é máis plena, cando tamén é música", e lanza este manifesto dirixido sobre todo ao sector do ensino.

Souto abunda neste sentido defendendo a súa tese a través dun artigo publicado en NÓS Diario o mesmo 17 de maio e comprende o impulsor e autor deste documento, que xa conta con centos de adhesións, que nas clases de literatura "soa moi pouca melodía", unha situación que ten que ver segundo el porque "tampouco houbo música nas facultades de filoloxía onde se formou o seu profesorado". Sinala aí o artista ao mundo académico polo tratamento e valor que dan, segundo el, á canción popular "moitas veces tratada como un coñecemento menor e prescindíbel", di engadindo que a escrita de versos para cancións non acada o recoñecemento de autores poetas para quen o fai, quedando descritos como "letristas" polas súas obras. O asunto fai lembrar as controversias xurdidas cando Bob Dylan, en 2016 foi elixido para recibir o Premio Nobel de Literatura, quedando nese sentido creando un precedente que non se volveu repetir. O ex-lider dos Diplomáticos apunta con este manifesto a un futuro de reunión de música e poesía desde as propias aulas: "É tempo de superar complexos de superioridade e vellos prexuízos académicos. E tempo de procurar -principiando polo ensino- o reencontro entre a música e a poesía", unha volta a aquela combinación anterior ao invento da imprenta cando os versos vivían nas bocas dos cantores e desde elas ían espallándose.