Leandro Lamas, o pintor do pobo

O recoñecido pintor ferrolán protagoniza a súa primeira publicación monográfica

O recoñecido pintor ferrolán protagoniza a súa primeira publicación monográfica
Leandro Lamas no seu estudio. 2022. Fotografía de Charo Lopes. Fonte: Através Editora.
Cunha carreira artística de trinta anos ás costas e un estilo recoñecible en todo o país, é no comezo deste 2023 que Leandro Lamas protagoniza por vez primeira unha publicación monográfica sobre o seu traballo. Através editora lanza este mes de marzo unha obra que repasa a vida e a obra deste artista ferrolán e pon na mesa a cuestión do seu recoñecemento institucional.

"Un documental sobre Leandro", así define Séchu Sende, editor do volume canda a Xiao Berlai e Charo Lopes, Leandro Lamas. A obra que presenta este mes de marzo Através editora supón a primeira publicación dedicada a un dos creadores plásticos máis recoñecidos na sociedade galega das últimas décadas. Autor de iconas gráficas como a figura do Apalpador, e cun estilo característico e amplamente recoñecido, Lamas desenvolve un traballo orientado fundamentalmente ás pinturas por encarga e á ilustración. Con poucas exposicións recentes ás costas e sen presenza no circuíto de museos ou de galerías de arte, a súa obra mantén unha importante popularidade cimentada en cartelería, libros, murais ou pezas de artesanía cos seus deseños.

Unha homenaxe pendente
Segundo explica Sende, "Leandro é alguén que non ten moito recoñecemento público, sobre todo institucional. É algo que lle acontece a outra xente que traballa no movemento social galego. Entón algunhas persoas pensamos en lle render esta homenaxe como compañeiro dos movementos sociais pero tamén a visibilizar e valorar a súa participación na historia das artes plásticas galegas. Sabiamos que se non o faciamos nós non ía chegar". Pola súa banda, o pintor non pensara na necesidade dun proxecto coma este. "A verdade é que non agardaba nada disto nin estaba no meu horizonte que aparecese un libro a falar da miña obra nin nada semellante. Foi unha sorpresa para min e quedei moi agradecido. Eu traballo para adiante e con poder dedicarme ao que me dedico xa me dou cun canto nos dentes", asegura Lamas.

Compromiso
O comezo da actividade artística pública deste pintor deuse, cara a mediados dos anos 90, vencellada ao seu activismo en movementos sociais reintegracionistas e independentistas da comarca de Ferrol. "Participou en toda unha serie de movementos a facer o que sabía, que era pintar. El mesmo di que o facía como outros escribían ou recollían as mesas despois dun festival", rememora Sende. Deste xeito, murais, carteis, camisetas, postais ou mesmo a Historia de Galiza en Banda Deseñada foron as primeiras mostras públicas da súa arte. Tamén desta época datan as súas primeiras exposicións en espazos como o Café A Vaca ou a Galería Sargadelos de Ferrol. A difusión destes traballos gráficos deron a coñecer á sociedade un mundo pictórico que se mantivo consistente desde aquela, cun imaxinario común e un estilo facilmente recoñecible. "Nese universo eu procuro introducir elementos do meu agrado ou retratar situacións nas que me atoparía cómodo", explica o pintor. A ollar as súas orixes artísticas, recoñece que "queda un pouso do que era naquela época, pero tamén se debe a que continúo a ser a mesma persoa". Para alén deses elementos, tamén o compromiso social fica como unha constante na traxectoria do pintor. Segundo sinala Sechu Sende, "penso que Leandro segue o pulso da sociedade. É unha persoa comprometida con persoas e colectivos oprimidos, e na súa obra leva moitos anos a construír unha Galiza na que a todas e a todos nos gustaría vivir. A súa forza vén diso, da vivencia como un compañeiro máis na loita", asegura. Para o editor, Lamas, "como os vellos galeguistas, participa na construción deste país a meter nas nosas casas os símbolos da Galiza do século XXI. Agasállanos obras maxistrais coas que o noso pobo se identifica e faino de xeito moi traballado e consciente. É un currante do pincel que bota moitísimas horas de traballo".

Os elementos da loita
Ese compromiso déixase sentir nunha obra que, a través de diferentes símbolos e elementos percorre "as diferentes dimensións da loita", segundo apunta Sende. Para o pintor resulta natural que aparezan nos seus traballos temas sociais. "Penso que as obras de calquera persoa reflicten como é, e as miñas tamén son así. Non digo que iso sexa mellor nin peor, pero se me gusta andar en bicicleta, ou a natureza, iso vai aparecer. E se non me gustan os parques eólicos é fácil que iso tamén estea presente, non resulta algo imposto. É certo que segundo cal sexa a encarga isto será máis ou menos evidente, como nos carteis para determinados eventos", explica o propio Lamas. Nese proceso "non só traballa para o pobo cunha filosofía moi de artesán e a facer unha obra artística de grande calidade. Ademais, tamén chega a rexeitar encargas de institucións importantes porque non coincide coa filosofía da monarquía española ou cousas similares", destaca Sende.

Estilo e traxectoria
Nas bases do traballo de Leandro, "el mesmo recoñece que recolle a historia da arte plástica galega como quen recolle a musica das pandeireteiras tradicionais. Fai unha procura consciente da tradición pictórica para construír un estilo que a continúa, desde antes do século XIX, a pasar por Seoane, Díaz Pardo, Maruja Mallo, os deseños de Sargadelos ou Calros Silvar", sinala Sende a repasar a evolución de Lamas. Na pescuda para elaborar a obra "sorprendéronnos as obras da súa etapa escura, nas que predominan ollares fondos ou deprimidos nos personaxes, con moitas olleiras. Despois vese como vai procurando o seu propio estilo persoal. Sobre todo a partir dos primeiros anos 2000, cando substitúe as sombras por cores, xa non deixa de evolucionar". Nese sentido "mesmo quen coñecemos a súa obra, ao non poder vela nunha antoloxía coma esta, non sabiamos da súa heteroxeneidade. É polimórfico e hoxe vemos que continúa a experimentar, sobre todo coa acuarela". Nunha perspectiva similar, Lamas apunta que co tempo "penso que se foi enriquecendo a miña linguaxe na maneira de facer. Gústame investigar no meu terreo aos poucos. Tampouco son unha persoa de xiros radicais como para mudar de estilo. Cada un é como é e eu non me considero un aventureiro que queira rachar con todo, non vai co meu carácter". Apunta no entanto que "houbo unha evolución. Afinas algo máis o traballo, sabes o que funciona e o que non, descobres como aproveitar mellor os materiais. Hai uns anos non empregaba a acuarela porque non me atrevía, logo comecei e aí ando, empregándoa e aprendendo". Un trazo máis fino e menos xeométrico ou cores menos marcadas son algunhas das transformacións máis claras do autor a nivel estilístico ao longo das décadas.

Encargas
Desde hai anos, os cadros por encarga supoñen o groso do traballo de Lamas. "A maioría das miñas obras son personalizadas. A xente faime unha encarga e vaime dando as pautas do que queren que apareza. Pode ser o cadro dun familiar que lle gusta tocar a frauta onda o río mentres come un bocadillo de tortilla. Entón é un pouco como ilustrar un conto", explica. O feito de seren traballos deste tipo non supón para este creador unha pexa á súa creatividade. "A maioría desas encomendas fóronme buscando e atopo elementos comúns comigo nelas. Podería ir de viños coa maior parte desa xente, polo que me contan. Ao mellor é alguén a quen lle gusta a música, a lectura, a natureza ou andar en bicicleta. É raro que me encarguen algo co que non haxa identificación. Unha vez pedíronme un cadro dun toureiro, pero a propia rapaza que mo pedira censurouse e abortou a operación, xa lle pareceu que non se axeitaba". En xeral, "as encargas danme moita marxe para facer o que quero, e quen as realiza sabe tamén o que fago. Non me encargan un retrato convencional, e tamén me obrigan a ir a terreos aos que non tería ido doutro xeito". Malia ao carácter de encarga destes traballos, o autor recoñece que "a perspectiva á hora de abordar a miña obra persoal é moi similar, aínda que nestas case sempre procuro abrir un novo camiño. Experimento de xeito tímido, abro portas que ao mellor aproveito para outras cousas. Vou xerando recursos que deixo e logo ao mellor emprego", explica. No entanto recoñece que para a produción deste tipo "non teño moito tempo, aínda que ás veces saco unhas horas para lle dedicar entre unha cousa e outra".

Historias
Este carácter de encomenda da grande maioría das obras que ten producido Lamas ao longo da súa carreira achega unha singularidade a estas pezas na forma das historias que as acompañan. "Ao mellor queren un cadro inspirado na foto da merenda dunhas mulleres nos anos 60 onda o río. Entón queren que apareza unha cesta e un mantel particulares que representaban ese momento, ou detalles que outra xente non sabe por que están aí pero que son importantes para quen fixo a encarga". Da súa extensa produción o autor recoñece que "hai cousas que emocionalmente teñen máis valor. Por exemplo un cadro que fixen para Begoña Caamaño cando xa estaba maliña. Ou un sobre o Prestige. Hai cousas que teñen o seu punto a maiores, sobre todo se coñeces un pouco a historia que teñen detrás. Chéganme en particular os que reflicten un momento determinado, con detalles que teñen un sentido concreto e emotivo". O propio proceso de elaboración do libro supuxo achegarse a moitas destas historias, e á propia figura do pintor. "Fomos descubrindo unha persoa moi humilde, que nos pedía continuamente que non esaxerásemos e fixésemos del unha figura hiperbólica pero que ao tempo colaborou moito a nos dar información", explica Sende.

Atopar as obras
A compilación de materiais para o libro que agora presenta Através supuxo rastrexar toda unha colección de cadros que están dispersos por domicilios particulares de todo o país e parte do estranxeiro. "Tentamos recoller moita da súa obra, sabendo que é só a punta dun iceberg. Ten moitísima obra, en diferentes estilos e a tocar distintos ámbitos", lembra Sende. Pintura en óleo ou acuarela, ilustración para libros e carteis ou muralismo compoñen o groso dunha produción que inclúe tamén monicreques ou escenografías teatrais. "Non levo moita a conta dos cadros que fago. Tírolles fotografías. Antes empregaba cunha cámara decente e nos últimos anos xa co móbil, cando os remato para que a persoa que o encargou vexa como queda", recoñece o autor. Estas fotografías foron fundamentais para facer a selección de obras para o libro. A partir destes datos e "dunha rede de amizades e persoas coñecidas que armamos desde as nosas propias experiencias persoais" foise armando a compilación de traballos que se poden ver no volume, lembra o editor. "Ficaron moitas cousas fóra, pero sabemos que a xente entenderá que esta é só a primeira obra sobre Leandro e que o país precisa un traballo moito máis exhaustivo sobre el". No entanto, a dispersión da obra dificulta en grande medida a posibilidade de contarmos algún día cun catálogo completo dos traballos do autor. "Non me querería ver na tesitura de facer un varrido para atopar a miña obra. Penso que con este libro e o amor que lle puxeron vale moito máis do que un proxecto máis académico neste sentido", sinala o autor.

O recoñecemento institucional
Precisamente, a ausencia de traballos académicos e dun recoñecemento cara ao traballo de Leandro por parte de institucións e entidades do mundo da arte é unha reclamación do equipo editorial da obra. "Son o primeiro que non entende que non haxa unha crítica ou un interese por parte do sistema plástico galego para interpretar a Leandro Lamas", sinala Sende. "Non coñezo moito dese mundo, pero seguro que hai xente con formación a estudar os discursos alternativos, subalternos e contrahexemónicos nos que se manexa. Semella que hai unha distancia entre os dous mundos. Falamos dun artista que vive do seu traballo desde hai décadas, a fornecer imaxes que entran polos ollos de moita xente, cunha obra de moita calidade que está a marcar a identidade galega do século XXI e que fica presente na vida de moitas persoas, de familias e de movementos asociativos, feministas ou sindicais". No entanto, o pintor apunta que ese tipo de recoñecementos "non me preocupa especialmente nin os procuro. O cariño que teño da xente que se parece a min xa me satisfai plenamente". Para alén, a actividade profesional non lle deixa moito tempo para desenvolver propostas como exposicións. "A verdade é que non fago moitas, aínda que é algo que non descarto. Ás veces lémbrame pero como vou tendo traballo, céntrome niso. Tamén é algo que ten as súas complicacións e dáme algo máis de preguiza". Recoñece que, hai anos, "teño feito exposicións en todo tipo de locais, galerías, bares e antros. Teño levado cadros a locais que cando os recollín duroulles anos o cheiro a tabaco do que se fumaba alí".

A necesidade de recoñecemento
Fran Quiroga, investigador interdisciplinar que desenvolve estudos sobre os cruces entre o activismo a arte, a participación social e os comúns, reflexiona sobre a ausencia de Lamas nos circuítos da arte. Quiroga foi responsable do proxectos como Ruraldecolonizado, colaboración entre MUSAC e CGAC, ou do #salondoMARCO. Nos últimos anos actuou como mediador da iniciativa Legado Coidado, que abordou a relación comunitaria co Parque do Pasatempo de Betanzos e promoveu unha intervención artística neste conxunto promovida pola sociedade civil local e realizada pola creadora Carme Nogueira a abordar a problemática do conxunto. Desde a súa perspectiva, á hora de pensarmos pola ausencia de Leandro nos circuítos propio da arte contemporánea, "unha primeira cuestión é por que nos interesa que unha figura como a súa, con ese recoñecemento popular, que para min é o que marca o éxito dun artista, teña que estar situada na arte contemporánea. Cal é o motivo para precisarmos que estea dentro deses códigos e dese ecosistema. Ao mellor non nos ten que interesar", sinala, a salientar a existencia de diferentes espazos de recoñecemento social. E apunta a necesidade de ter en conta a propia perspectiva do artista por participar dese campo. "Nese sentido Marcelo Expósito explicaba que situarse na arte contemporánea é unha decisión táctica. Inserir unha iniciativa nese sistema responde tamén a un interese por participar nel. Pode ser que as liñas que aborde un creador ou creadora estean en consonancia coas que se traballan na arte actual, ou que as súas xenealoxías e referencias fagan parte dese paradigma, e aí pode haber unha decisión táctica por estar nese campo".

Chegar a espazos artísticos
No entanto, este investigador non esquece que a vontade do autor ou da autora non é abonda para conseguir esta inclusión. "Tamén cómpre ser lexitimado polos actores que articulan ese ecosistema. Os propios artistas, as galerías, os museos de arte ou os críticos, teñen que ter situar aí e validaren esa aposta por estar. E pode haber xente á que non lle interese estar aí". Aínda apunta unha terceira posibilidade nestes procesos de integración, a do recoñecemento tardío. "Hai ocasións nos que esa inclusión tarda en chegar. No libro Utopías Queer Esteban Muñoz fala de procesos que están a emerxer e que o sistema da arte, mesmo a atender as vangardas, non os acredita. E entón pódese tardar en chegar a estes espazos. Para min a clave é se resulta necesario que Leandro, con ese recoñecemento que ten deba estar neses espazos, ao mellor non, e iso non quere dicir que non teña relevancia na arte contemporánea".

Outros ámbitos
Para alén do labor pictórico, o traballo de Leandro está presente en diferentes disciplinas. Está "o seu traballo de cartelismo, presente en moitos festivais e iniciativas culturais que teñen a súa imaxe. E achegas icónicas como a primeira representación gráfica do Apalpador, que é obra súa" e que marcou de xeito decisivo a icona coa que a sociedade galega visualiza o carboeiro do Courel, explica Sende. De cara a esta obra "tentamos calcular os metros cadrados de murais que ten pintados" e ademais atenderon á presenza da obra de Lamas en diferentes soportes. "Recollemos a pegada que deixou en obxectos do mundo da artesanía ou da industria que empregaron o seu traballo. Hai xente que empregou as súas imaxes para xoias, bolsos ou mesmo caixas de galletas. Ata hai tatuaxes cos seus personaxes". No libro non se esquece tampouco outra parte importante da actividade artística do homenaxeado, como é a súa vocación teatral. "É autor de catro obras teatrais ademais de director e escenógrafo. Gústalle xogar co drama e a traxedia pero en particular neste campo destaca a súa retranca. Ten un teatro moi punk, afastado da súa obra plástica, que nos amosa un Leandro moi diferente", lembra o editor. En relación a este traballo, non se esquecen tampouco de incursións no ámbito audiovisual como a dirección do video E isto é o amor de Caxade, no que se reflicte o mundo propio do artista en imaxe real.

O volume
O libro de Através, cun marcado carácter divulgativo, pretende "que a xente teña unha representación da vida artística de Leandro, e iso pasa por coñecer o propio autor desde que é crianza, na súa adolescencia a aprender debuxo da man de Xaquín Marín ou o seu activismo no colectivo Artábria e no independentismo en Ferrolterra". Para alén de render homenaxe, o lanzamento de Através "quere propiciar tamén unha revisión crítica non só sobre Leandro senón tamén sobre estes discursos alternativos vencellados ao soberanismo galego, ao feminismo e ao ecoloxismo". O volume achega unha selección de textos de diferentes persoas arredor da obra de Leandro. Canda a unha introdución de Xaquín Marín, sinaturas como Uxía Senlle, Calros Silvar, Antón Cortizas, Caxade, Guadi Galego, Magín Blanco ou Teresa Moure entre outras falan da súa relación co autor e co seu traballo. Canda ás obras reproducidas, "o volume achega unha serie de textos de diferentes persoas, desde amizades do propio Leandro ata xente das artes plásticas, do teatro, da escrita ou da música que nos achegan olladas desde distintas posicións, que amplían moito a súa figura".
Entrevistas co propio Lamas, obras interpretadas con esquemas ou análises dos elementos recorrentes na súa obra completan o volume. "Estamos moi contentos co resultado, é un libro con capa dura, a toda cor, con fotografías de moita calidade e no que investimos moito tempo e recursos materiais para que sexa unha obra que todo o mundo queira ter na casa", explica o editor. "Foi un proxecto que abordamos con moitísimo cariño. Tentamos representar todo o traballo estético e ideolóxico de Leandro nun obxecto que queremos que sexa de culto. E ademais a bo prezo", salienta Sende. O volume está dispoñible a partir deste mes de marzo nas librarías do país. Queda por ver que outras homenaxes virán no futuro.

Galería: O mundo de Leandro

Capa do libro de Através sobre Leandro Lamas
Capa do libro de Através sobre Leandro Lamas


Un elemento moi habitual nos seus traballos é o locus amoenus. Hai toda unha serenidade que transmiten as obras de Leandro, moi vencellada á natureza e que se expresa en diferentes símbolos
"Un elemento moi habitual nos seus traballos é o locus amoenus. Hai toda unha serenidade que transmiten as obras de Leandro, moi vencellada á natureza e que se expresa en diferentes símbolos", sinala Sechu Sende.


"Animais, raíces e árbores están moi presentes nos seus cadros, ao igual que o sol, a lúa ou os arcos da vella", explica o editor da obra.


Un elemento que aparece en moitos traballos do autor son as letras ou as inscricións a facer parte da propia obra.
Un elemento que aparece en moitos traballos do autor son as letras ou as inscricións a facer parte da propia obra.



Canda a estes, as bañeiras, moi repetidas nestes traballos, así como
Canda a estes, as bañeiras, moi repetidas nestes traballos, así como "o mundo da música, con moita xente a tocar, a bailar e aturuxar en festas e foliadas" están tamén moi presentes, segundo sinala Sende.




Para o editor
Para o editor "tamén hai moitos elementos que representan a vitalidade e elementos proactivos de esperanza, a capacidade de transformación da sociedade e das persoas, de amor, de amizade e de sororidade. Todos eses valores represéntase a través de determinados símbolos", explica Sechu Sende.


O autor foi o responsable de crear a primeira imaxe gráfica do Apalpador.
O autor foi o responsable de crear a primeira imaxe gráfica do Apalpador.


O mundo creativo de Leandro pode observarse tamén no videoclip <i>E isto é o amor</i> de Caxade, que dirixiu o ferrolán.
O mundo creativo de Leandro pode observarse tamén no videoclip E isto é o amor de Caxade, que dirixiu o ferrolán.